Investigadores europeos ensaian en Galicia a restauración de bosques queimados

LugoXa
Europa ensaia en Galicia a restauración de bosques queimados e a protección de especies vexetais fronte ao cambio climático
lifeVaia proxecto investigacion europa bosques queimados
14 Xul 2023

Italianos e franceses implicados no Life VAIA supervisan no Campus Terra da USC parcelas incendiadas reforestadas con castiñeiros, piñeiros e plantas medicinais nun monte de Quiroga, onde visitaron este xoves outras accións de protección de marras con palla, e esterco de coello e cabalo desenvolvidas ao aberio do Life Silfore, no que tamén participa o grupo de Sistemas Agroforestais e Agroecolóxicos que lidera a catedrática da USC na EPS de Enxeñaría, Rosa Mosquera Losada

Investigadores europeos procedentes de Francia, Italia e Portugal ensaian en Galicia a restauración de bosques asoladas polas lapas e novos mecanismos de protección de marras mediante o emprego de palla, así como de esterco de coello e de cabalo, ao abeiro dos proxectos Life VAIA e Silfore, dous programas europeos nos que participa o grupo de investigación da USC Sistemas Agroforestais e Agroecolóxicos, que coordina a catedrática na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra Rosa Mosquera Losada.

A análise e o intercambio dos resultados tralas primeiras actuacións desenvolvidas nos últimos meses nunha superficie de preto de 50.000 metros cadrados de monte na parroquia de Quintá de Lor, en Quiroga, centran unha xuntanza científica que botou a andar este mércores no Campus Terra da USC e que continuará mañá con visitas de campo ás áreas afectadas, segundo indica Rosa Mosquera.

A catedrática da USC e coordinadora do grupo Sistemas Agroforestais e Agroecolóxicos lembrou neste senso que o Life VAIA, nome que fai referencia ao episodio homónimo que en 2018 provocou unha gran devastación forestal rexión italiana do Véneto, posibilitou xa reforestar preto de cinco das decenas de hectáres de monte do concello de Quiroga que asoladas na vaga de lumes do pasado ano. “Plantáronse máis de dúas hectáreas de castiñeiro e outras dúas de piñeiros”, precisou Mosquera, para logo engadir que se completaron estas labores de reforestación con especies autóctonas coa plantación de diversas plantas melíferas e medicinais, recursos a través do que se pretende enriquecer a biodiversidade desta zona, ademais de favorecer a rendibilidade dos propietarios do monte. A investigadora da USC engadiu asemade que outra das accións contempladas no Life VAIA pasa pola próxima colocación de colmeas nestas parcelas de monte, unha actuación encamiñada a favorecer a polinización e os potenciais aproveitamentos apícolas, dixo.

Unha vez completadas as primeiras accións contempladas no programa do Life VAIA, financiado cuns dous millóns de euros, e cando aínda se están a acadar os primeiros resultados respecto a adaptación das distintas especies empregadas nas plantacións, a investigadora Rosa Mosquera xa apuntou como acción máis ou menos inmediata a repoboación das marras, unha realidade que Mosquera, atribúe, cando menos en parte, á seca e ás elevadas temperaturas que se rexistran nesta rexión de interior do sur da provincia de Lugo.

Life Silfore

A coordinadora do grupo de investigación en Sistemas Agroforestais e Agroecolóxicos da USC aproveitou as visitas de campo programadas este xoves a Quiroga para ver tamén sobre o terreo as accións que se están a desenvolver neste mesmo enclave ao abeiro do Life Silfore, un proxecto europeo dotado con máis de 2,5 millóns de euros de financiamento e orientado a incrementar la resiliencia dos sistemas agroforestais atlánticos e subatlánticos nun escenario de cambio climático. O equipo de Rosa Mosquera colabora neste actuación con investigadores de Braga (Portugal), así como co Instituto Vasco de Investigacións Agrarias (NEIKER), o Servizo Rexional de Investigación e Desenvolvemento de Asturias (Serida), ademais de con investigadores das áreas de Xeografía e Electrónica e Computación da USC.

Neste caso, os traballos experimentais xa actividades polos investigadores da EPS de Enxeñaría corresponden á aplicación de esterco de coello, de cabalo ou mesmo palla, como elementos de protección de marras, a fin de favorecer así o nacemento e a viabilidade das árbores plantadas. A profesora Rosa Mosquera indicou neste senso que o feito de rodear estas plantas con este material protector serve de enmenda e tamén pode actuar como elemento de protección fronte aos efectos do cambio climático.

0.19872307777405