Investirán 21.600 euros na mellora do campo de fútbol de Castroverde

LugoXa
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo formalizou o convenio co Concello de Castroverde para financiar melloras no campo de fútbol municipal Veiga do Olmo.
campo de futbol de castroverde
21 sep 2023

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo formalizou o convenio co Concello de Castroverde para financiar melloras no campo de fútbol municipal Veiga do Olmo. A través deste convenio interadministrativo, a área de Deportes achega ao concello 21.600 euros destinados á mellora do recinto deportivo, empregado pola SD Castroverde.

As actuacións previstas consisten na renovación do alumeado, coa instalación de catro novos proxectores LED, o reforzo do peche perimetral, cunha estrutura de malla que complemente o muro existente, e actuacións de mantemento na zona de bar. Ademais, financiarase a compra de dous cortacéspedes para facilitar o mantemento da herba natural.

A deputada Iria Castro explicou que “o investimento atende as necesidades máis urxentes do recinto, fundamental para a actividade deportiva municipal xa que acolle os partidos dos equipos de fútbol da SD Castroverde” e destacou “o papel do club no fomento do deporte en Castroverde, que conta tamén cunha sección de fútbol sala con equipos de base e feminino”.

O investimento no recinto deportivo complementa o apoio que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo ofrece ao tecido deportivo de base e afeccionado, coa convocatoria de axudas de concorrencia competitiva a clubs e entidades deportivas. A SD Castroverde recibe 2.000 euros a través desta liña de subvencións.

0.11300683021545