Investirán preto de 900.000 euros na mellora de cinco estradas da Montaña e do sur de Lugo

Todas as actuacións incluirán a reapertura de cunetas, reparación de desperfectos, repavimentación, sinalización e balizamento
Pilar-Porto-Deputación-de-Lugo
13 Jun 2025

A Deputación de Lugo destinará unha inversión próxima aos 900.000 euros para mellorar cinco estradas que atravesan os concellos de Chantada, Carballedo, Navia de Suarna e Cervantes.

Entre as actuacións destacadas, licitáronse por máis de 300.000 euros os traballos de mellora do firme na estrada LU-P-1801, que comunica Chantada con Os Peares por Nogueira. O investimento permitirá acondicionar un treito de 23 quilómetros, desde o punto quilométrico 6 ata o 29, con labores que inclúen a reapertura de cunetas e o acondicionamento do firme, cun prazo de execución de tres meses.

En Navia de Suarna, a Deputación aprobou sacar a contratación case 328.000 euros para a rehabilitación do firme nos primeiros cinco quilómetros da LU-P-3506, vía que conecta Louxas co límite provincial de Asturias por Valdeferreiros. As obras, que tamén teñen un prazo previsto de tres meses, contemplan a reapertura de cunetas, aglomerado en quente da vía, así como a sinalización horizontal e o pintado con marcas reflexivas brancas.

En Cervantes, a empresa Adecón Obras y Servicios SL resultou adxudicataria dun contrato de máis de 238.000 euros para a mellora de diferentes tramos en tres estradas deste municipio da Montaña lucense. En concreto, acondicionaranse os últimos dous quilómetros da LU-P-1401, que conecta Doiras co límite provincial de León, desde o punto quilométrico 28,509 ao 30,409, así como case un quilómetro da LU-P-1402, que une as parroquias da Ribeira e Vilaquinte, na zona de Quindous, entre os quilómetros 8,850 e 9,600. Finalmente, renovarase un treito de algo máis de cinco quilómetros da LU-P-1404, estrada que vai de San Román a Quindous, no tramo que conecta Vilaluz co Castro de Santa María, desde o quilómetro 5,000 ao 10,300.

Todas as actuacións incluirán a reapertura de cunetas, reparación de desperfectos, repavimentación, sinalización e balizamento, cun prazo de execución de tres meses desde o inicio das obras.

A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, destacou que estas actuacións son moi importantes porque vertebran as comunicacións do Concello de Cervantes e, ao pasar polo norte do municipio, sofren un desgaste considerable durante o inverno polas duras condicións climáticas. Ademais, subliñou que estas melloras “suporán un gran beneficio para esta comarca, que recibe moitos visitantes atraídos pola paisaxe e polo núcleo de Piornedo, declarado Ben de Interese Cultural debido ao seu alto valor etnográfico”.

⚙ Configurar cookies
0.1693651676178