Investíronse arredor de 200.000 euros en mellorar as instalacións deportivas de Lugo

A Área de Xuventude e Deportes do Concello de Lugo realizou nos últimos meses un investimento de preto de 200.000 euros no mantemento e modernización das instalacións deportivas municipais.
Este esforzo, enmarcado no Plan Dinámico de Intervención, reforza o compromiso do Goberno local coa supervisión constante e a actualización progresiva destas dotacións, fundamentais para a práctica deportiva.
Jorge Bustos, o concelleiro encargado desta área, destacou a importancia do modelo implantado: “O Plan Dinámico de Intervención é un documento vivo que permite priorizar as actuacións necesarias e realizar melloras continuadas en todas as instalacións municipais co obxectivo de contar cunhas dotacións que cumpran cos máis altos estándares de calidade”. Este enfoque garante que as intervencións se adapten ás necesidades dos usuarios e ás demandas dos clubes deportivos.
Entre as máis de 14 instalacións beneficiadas destacan as piscinas de Frigsa e As Pedreiras, o Pavillón Municipal, o Polideportivo da Piringalla, as Pistas de Fingoi e de San Xoan, e os campos de fútbol da Cheda, As Gándaras, Nadela e o Polvorín. Tamén se realizaron actuacións relevantes no Castiñeiro, no Sagrado Corazón e no parque das Termas. Estas intervencións melloran tanto a funcionalidade como o confort das infraestruturas.
As actuacións máis relevantes inclúen a instalación de iluminación, calefacción, auga quente sanitaria e a renovación de redes eléctricas, co obxectivo de optimizar a eficiencia enerxética. Tamén se realizaron traballos estruturais e de equipamento, como a reparación de porterías, canastras e peches perimetrais, e a impermeabilización de varios espazos.
“Estas intervencións son fundamentais para que as instalacións sigan ofrecendo as mellores condicións posibles tanto para o uso individual como para os adestramentos e competicións,” afirmou Jorge Bustos, que tamén subliñou que dende a área que dirixe “traballamos man a man co tecido asociativo para promover valores deportivos e apoiar a súa importante labor na formación da mocidade”.
O edil explicou que o Plan Dinámico de Intervención, revisado semestralmente, permite unha planificación eficiente das intervencións, priorizando aquelas que teñen maior impacto no servizo. “A coordinación dos traballos minimiza as interrupcións nas actividades e asegura que as instalacións estean dispoñibles en todo momento,” indicou.
Na actualidade, Lugo conta con máis de 50 recintos deportivos municipais cedidos gratuitamente ao tecido asociativo, que son supervisados de maneira constante para garantir o seu bo estado.