Invisten 204.800 euros na restauración da igrexa de Santa María de Vilabade en Castroverde

LugoXa
A igrexa de Santa María de Vilabade, que forma parte do Camiño Primitivo, está protexida polo seu valor cultural
Igrexa-Vilabade-Castroverde-Xunta
10 Jan 2025

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina un total de 204.800 euros á restauración do tellado e outras melloras na igrexa de Santa María de Vilabade, localizada en Castroverde.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, visitou o templo para marcar o inicio das obras, realizadas mediante un convenio coa Diocese de Lugo. O proxecto busca resolver problemas de filtracións de auga, mellorar a humidade e asegurar a conservación das pinturas murais interiores.

Para lograr estes obxectivos, engadirase un illante térmico ao tellado e renovarase o enlousado, ademais de instalar protección de zinc no campanario e outras áreas. Os morteiros de cemento nas paredes serán substituídos por morteiros de cal, e tamén se mellorará a drenaxe perimetral da igrexa. Contémplanse intervencións puntuais na carpintaría exterior para mellorar a ventilación. Ademais, levaranse a cabo traballos de conservación preventiva sobre as pinturas murais para deter o seu deterioro.

A igrexa de Santa María de Vilabade, que forma parte do Camiño Primitivo, está protexida polo seu valor cultural. Ten a consideración de Ben de Interese Cultural (BIC) como monumento e está incluída no Catálogo de Protección do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Castroverde.

Na década de 1970 levouse a cabo unha significativa reforma do tellado, engadindo plataformas de formigón sobre as bóvedas e creando un espazo baixo cuberta. Durante esa intervención, substituíronse os revestimentos de cal por morteiros de cemento, o que co tempo provocou deterioros no edificio.

0.16732406616211