Irene Huéscar gaña o concurso do cartel do San Froilán Miúdo 2025


A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, participou na xuntanza do xurado que elixiu o cartel do San Froilán Miúdo 2025, que este ano recaeu en Irene Huéscar Villapún, de 11 anos.
A pequena artista foi seleccionada entre os 14 participantes e recibirá un premio de 300 euros. O xurado estivo formado por Marga Portomeñe Pérez, profesional das artes escénicas e representante de ASOLUA; Eduardo Rodríguez Ochoa, fotógrafo; e Iván Mouronte, deseñador gráfico e profesional da animación e ilustración.
Ferreiro destacou que “o San Froilán Miúdo contará este ano cunha completa programación para toda a familia, con actividades de rúa e na carpa do Seminario, achegando a Lugo os mellores espectáculos do panorama galego, estatal e internacional”.
A carpa, situada no aparcadoiro do Seminario, acollerá espectáculos como “Pocket Loop” da Compañía StopStoi, “Tranvía Nº12” de La Finestra, “Crunch 2” de Muu, “Humanus Comicus” de Mondo Costrini, “Gran Sonata” de Le Pluant, “De Vilatriste a Vilalegre” de Teatro ao Cubo, “Historias para escagarriñarse” de Teatro Ghazafelhos, e o tradicional “Festival Infantil de Cántigas e Frores”. Todos os días ás 18.30 horas haberá unha actuación, mentres que os días 5, 6, 11 e 12 de outubro os nenos e nenas poderán participar en xogos de 11.30 a 14.00 e de 16.00 a 18.00 horas.
O ambiente festivo tamén se estenderá polas rúas do Recinto Histórico con espectáculos itinerantes como “Pilots” de La Finestra (Premio Fetén 2025 ao mellor espectáculo de rúa), “Circo Krasnovorak” de Troula, e “Rum rum” e “Transhumancia” de Xip xap teatre, entre outros.
Maite Ferreiro subliñou que “seguimos traballando para que o San Froilán deste ano volva ser a gran festa do outono galego, cunha programación diversa e de calidade, pensada para todas as idades e que contribúe a potenciar a cultura e o lecer en Galicia”.