Irene Rega presenta a súa novela negra 'Tecendo redes' no Vello Cárcere

LugoXa
A escritora da Mariña, gañadora do Premio Vilar Ponte, afonda nesta obra nos abusos de poder, os segredos e as aparencias enganosas
Irene-Rega-escritora
20 Oct 2025

A escritora mariñá Irene Rega Jul presentará este xoves 23 ás 19:30 horas a súa novela Tecendo redes no Vello Cárcere de Lugo, a cidade onde naceu. A elección do lugar resulta máis que simbólica, pois a autora achega nesta obra unha historia chea de crime, intriga e poder, ambientada nun contexto onde nada é o que parece, o que fai especialmente apropiado o espazo dunha antiga prisión para acoller o acto.

Nada en San Cibrao en 1996, Rega comezou a escribir desde moi nova, participando en certames e antoloxías literarias, ata consolidarse como autora coa novela A malferida (2022), coa que gañou o Premio Illa Nova de Narrativa. Con Tecendo redes, publicada por Editorial Galaxia en 2023, logrou o Premio Vilar Ponte de Novela, confirmando a súa traxectoria ascendente.

A trama de Tecendo redes xira arredor de Verónica, unha muller que por fin accede ao posto de traballo que sempre desexou, pero que debe compartir oficina con Bruno Agueiro, o home que arruinou a súa vida. Cando el aparece morto ao día seguinte da súa incorporación, ela convértese na principal sospeitosa. A partir de aí, Irene Rega constrúe un relato cheo de tensión, segredos e silencios que explora as redes invisibles do poder, o abuso e a culpa.

A autora, que xa demostrou o seu talento para a intriga e a profundidade psicolóxica, propón neste novo libro un thriller que combina o ritmo áxil da novela negra cunha reflexión sobre o trauma e o peso das relacións de poder. “Recomendo ler moito para ter referentes se queres escribir”, afirmou nunha entrevista, e nesa lectura ampla repousa boa parte da súa madurez narrativa.

⚙ Configurar cookies
0.071075916290283