Iria Enríquez, karateka da Escola Deportiva Shihan: “Gústame competir e pelexar cos meus rivais”

Jessica Fernández
A karateka da Escola Deportiva Shihan de Lugo, Iria Enríquez, con só 11 anos posúe un impresionante palmarés, con numerosas medallas a nivel galego nas modalidades de Kata e Kumite, así como logros a nivel nacional en Kumite.
Por esta razón, e como recoñecemento aos seus 7 anos adestrando karate, foi convocada para participar nun adestramento coa Selección Española de Karate de Albacete, no que se reuniron algunhas das promesas máis destacadas desta disciplina, polo que esta oportunidade foi un importante recoñecemento ao talento e esforzo de Iria.
“No adestramento coa Selección Española paseino moi ben. Ademais, xa tiña competido con algunhas amigas que estaban alí e tamén puiden facer novas amigas. Sentinme moi arroupada tanto polos meus compañeiros e tamén polos ‘coaches’ da Selección”, explicou Enríquez, que, a pesar da súa curta idade, expresa a súa experiencia como unha profesional adulta.
Por outro lado, di que “foi moi difícil o campionato de Albacete, porque subiu moito o nivel, así que tiven que pelexar como nunca. A pesar de todo, co meu esforzo, conseguín unha medalla de bronce”, destaca. Así, conseguiu o terceiro posto en Kumite Infantil <30 kg na Liga Nacional de Albacete.
Esta oportunidade non só supón un gran paso na súa carreira deportiva, senón tamén un motivo de orgullo para o seu club e para o deporte lucense. Dende a Escola Deportiva Shihan, os seus adestradores e compañeiros celebran este logro e confían en que seguirá acadando éxitos no futuro. “No caso de Iria xúntase un gran talento con moito adestramento, polo que os resultados son moi bos. Un deportista así hai un entre moitos”, destacan desde o Club.
A ESCOLA DEPORTIVA SHIHAN E O KARATE
Con todo, desde o club sosteñen que “todos os nenos e nenas da Escola traballan moi ben, é un deporte individual, polo que estamos moi satisfeitos de que cada un vaia conseguindo os seus obxectivos persoais e deportivos. Nós intentamos axudarlles a conseguir eses fins e que cada un poida aprender na medida da súas posibilidades e que estean contentos, que é do que se trata ao facer un deporte”, comentan.
Pola súa parte, Iria Enríquez destaca que “o que máis me gusta da escola Deportiva Shihan é adestrar o karate cos meus compañeiros, tanto en Kata como en Kumite, e aprender cousas novas cada día, xa que é un deporte que me gusta moito, sobre todo ir a competir e pelexar cos meus rivais”. Ademais, explica que “intento ir a todas as ligas nacionais porque hai moito nivel e pásoo moi ben”, subliña.
Ademais da súa participación no adestramento da Selección Española e o seu bronce na Liga de Nacional, tamén hai que resalta que no pasado mes de decembro conseguiu a medalla de prata na final da Liga Nacional que se celebrou en Pontevedra, no que se clasificaban as 8 mellores deportistas de Kumite Infantil de toda España.