Iria Figueiras: “A boca é a porta de entrada á saúde e debemos coidala como tal”

Iria Figueiras, graduada en Odontoloxía e cun Máster en Ortodoncia e Ortopedia Dentofacial pola Universidade Complutense de Madrid, leva anos dedicada en exclusiva á súa especialidade. Desde o seu centro, Ortodoncia Figueiras, insiste en que “a ortodoncia vai moito máis alá da liña de dentes” e que o que realmente importa é a funcionalidade. Sempre repite que “a boca é a porta de entrada a unha mellor saúde: se podemos respirar, masticar e falar ben, o resto do corpo funciona mellor ”, e por iso a súa aposta é ofrecer en Lugo un servizo centrado no diagnóstico preciso e no seguimento continuo.
A profesional explica que o seu proxecto naceu da necesidade de contar na provincia cun centro especializado, exclusivo: non unha clínica dental convencional, senón un espazo onde a ortodoncia fose o eixo principal, no que o paciente reciba unha atención integral e pensada especificamente para resolver problemas funcionais, non só estéticos.
Figueiras lembra a miúdo que a ortodoncia abrangue moito máis do que a maioría das persoas imaxinan. Describe a oclusión —a forma en que mordemos, mascamos ou falamos— como unha clave absoluta para o benestar: “A ortodoncia trata todo o que abarca a oclusión”, comenta, e engade que mellorar a mordida pode repercutir positivamente en aspectos tan diversos como a respiración, o sono ou mesmo a dixestión. Segundo explica, “non se trata só de aliñar os dentes”, senón de conseguir que o paciente “respire mellor, fale mellor, mastique mellor e poida mellorar así a súa calidade de vida”.
Un dos puntos nos que máis insiste é no diagnóstico na primeira infancia. Recalca que “non se trata dun tratamento precoz, senón dun diagnóstico precoz”, porque esa é a fase clave para identificar posibles problemas e evitalos antes de que deriven en complicacións maiores. Para ela, cada valoración temperá é “regalar saúde futura”.
AS TÉCNICAS
En canto ás técnicas máis demandadas, Figueiras confirma que os aliñadores están moi de moda, pero advirte de que non todo vale para todos os casos. Asegura que “cada técnica é mellor para un problema ou outro” e que o importante é partir dun diagnóstico sólido. Di que, se se sabe desde o primeiro momento cal é o problema e cales son os obxectivos, “pódese escoller mellor a técnica que usar”. Explica aos pacientes os límites e posibilidades de cada opción, pero subliña que “o máis importante é que o paciente entenda ben o que hai”.
Se hai un aspecto no que fai especial fincapé é no seguimento diario. Afirma que “o seguimento é fundamental” e que poder ofrecer unha atención continua evita complicacións e retrasos. Considera prioritario que cada paciente saiba que pode acudir “no momento que sexa” se algo non vai ben, e que non teña que esperar semanas cun bracket caído ou cun aliñador que non axusta. Defende o valor da continuidade e asegura que “a atención diaria e o seguimento sempre pola mesma persoa é moi importante: as mesmas mans e a mesma cabeza pensante”.
Figueiras recoñece tamén que cada vez hai máis adultos que se animan a comezar un tratamento de ortodoncia. Conta que moitos acoden porque notan problemas funcionais, outros porque perderon algunha peza e necesitan recuperar espazos, e outros, simplemente, porque buscan mellorar a estética. Lembra que “as técnicas avanzaron moitísimo nos últimos 30 anos” e que hoxe existen opcións moi discretas que facilitan a decisión.
A tecnoloxía é outra das aliadas fundamentais na súa práctica clínica. Detalla que o seu centro conta con, radiodiagnóstico 3D (CBCT) e convencional, escáner intraoral e fotografía intra e extraorais. Con estas ferramentas, asegura, pódese obter “un diagnóstico máis preciso” e ofrecer ao paciente unha explicación detallada, visual e comprensible do seu caso. Aínda así, lembra que “as ferramentas son fundamentais, pero sempre da man dun profesional experto”.
De cara á chegada do Nadal, época na que moitos tratamentos sofren “os desaxustes típicos das festas”, a especialista recomenda manter a constancia. Di que nesta época “tomamos máis azucre, máis doces e máis alimentos duros”, pero que a clave é manter a hixiene e avisar se algo se altera. Resume así o seu consello principal: “O importante é comunicarnos e ser conscientes da repercusión que esa perda de hábitos pode ter”.
Esa combinación de especialización, análise detallada e trato próximo define o espírito de Ortodoncia Figueiras, un centro que, en palabras da propia Iria, busca sempre “o tratamento máis ideal para cada paciente”.