Iria Figueiras: “Unha atención diaria é imprescindible para facilitar o proceso e obter un resultado excelente”

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa
Falamos con Iria Figueiras, graduada en Odontoloxía e con Máster en Ortodoncia e ortopedia dentofacial pola Universidade Complutense de Madrid, que se dedicou en exclusiva á especialidade de Ortodoncia
Iria-Figueiras-Ortodoncia
12 Oct 2025

Jessica Fernández

Como xorde Ortodoncia Figueiras?

Ortodoncia Figueiras nace da necesidade de ofrecer, na provincia de Lugo, un centro de ortodoncia exclusivo, non unha clínica dental convencional. Os pacientes que acoden fano especificamente na procura de tratamentos de ortodoncia. Eu, como profesional da ortodoncia que traballou como ortodoncista exclusiva en distintas clínicas das provincias da Coruña, Ourense, Madrid e Lugo, decateime de que en Lugo non existía ningún centro especializado e exclusivo nesta área. É por iso que a finalidade de abrir este centro no pasado mes de agosto é poder ofrecer aos pacientes un tratamento exclusivo coa posibilidade dun seguimento continuo, incluíndo atención diaria, facilitando así que os tratamentos se completen máis rápido e non sufran atrasos e/ou complicacións. Contar con atención todos os días non só supón unha gran comodidade para o paciente, senón que permite realizar todo tipo de tratamentos que, noutros lugares, sen unha boa especialización, non son posibles.

Que a diferencia doutras clínicas?

Son a única profesional membro activo de AESOR (Asociación Española de Especialistas en Ortodoncia) na provincia de Lugo, o que ofrece unha gran especialización neste campo. A ortodoncia é unha disciplina moi concreta e especializada que un dentista xeral non debería realizar; este centro xorde para cubrir esa necesidade específica. O obxectivo da nosa clínica de ortodoncia é buscar a excelencia no que facemos e desenvolver procedementos que nos permitan medir e mellorar a calidade do noso traballo especializado en ortodoncia. Creo firmemente na importancia dunha boa formación, e continuada, para garantir os coñecementos máis actualizados e poder aplicalos a todos os meus pacientes.

Que tipo de tratamentos se poden levar a cabo na súa clínica?

Dentro dos tratamentos de ortodoncia existen diversas técnicas, e actualmente pódense distinguir tres grandes modalidades: ortodoncia con brackets, ortodoncia con aliñadores e ortopedia dentofacial en nenos máis pequenos. No caso da ortodoncia con brackets, existen diferenzas entre os sistemas dispoñibles. Nós utilizamos o sistema Damon, de autoligado pasivo, que ofrece varias vantaxes: os tratamentos adoitan completarse en menos tempo, as molestias para o paciente son menores xa que se require menos forza para lograr mellores resultados e facilitan a hixiene diaria. En canto aos aliñadores, traballamos co sistema Invisalign, que a día de hoxe segue tendo a patente líder neste tipo de tratamentos, o que nos permite ofrecer aos pacientes a máis alta calidade, cun servizo exclusivo e uns prezos realmente axustados. Hai que ter en conta que este tipo de tratamentos, noutros centros, o ortodoncista ten que desprazarse, xerando uns custos que repercuten no paciente.

Que valoran máis os seus pacientes da clínica?

Primeiro, hai que resaltar que atendemos a pacientes de todas as idades. Aínda que a ortodoncia se asocia máis a idades temperás, tamén tratamos a adultos, incluíndo casos nos que xorden problemas por non ter recibido tratamento na etapa infantil. Os nosos pacientes teñen idades que van desde os 4 ou 5 anos ata os 80, xa que non hai límite de idade para recibir ortodoncia.

O que máis valoran os meus pacientes e que máis me motiva a min é ofrecer un trato próximo, no que o paciente entenda desde o inicio o problema que hai e poder seguir os tratamentos diariamente. Considero fundamental que o paciente entenda o seu tratamento, polo que dedico varias citas a explicar cada paso, xerar confianza e aclarar por que se recomenda unha técnica no canto doutra, sempre asegurando que o paciente se sinta tranquilo e seguro. Para iso, realizamos un mínimo de tres citas dedicadas á valoración e explicación detallada do tratamento.

É importante a especialización, non?

A idea do noso proxecto é poñer en valor as especialidades: non todo o mundo pode facer todo. Eu adoito comparalo coa vista: normalmente non vas ao teu médico de familia para unha cirurxía ocular, senón que buscas a un oftalmólogo especializado que poida realizala correctamente. O mesmo ocorre en odontoloxía: é fundamental elixir a un profesional especializado para cada tratamento.

Para poder dedicarme exclusivamente á ortodoncia, realicei un posgrao a tempo completo durante tres anos. Non calquera tipo de curso ou formación te capacita para exercer correctamente a ortodoncia, polo que en ocasións non se conta coa preparación necesaria e pode derivar en problemas severos, funcionais, de mordida, postura corporal, dores musculares ou outras complicacións máis graves. É por este motivo que é tan importante a selección de quen nos vai tratar, xa que en odontoloxía a regulación non é tan estrita como en medicina.

Con que instalacións conta?

Cando puxemos en marcha a clínica, ademais de que fose bonita, acolledora e agradable, a nosa prioridade era que resultase cómoda e funcional para o noso traballo diario e para a práctica desta especialidade. As citas de ortodoncia non requiren de moito tempo, pero é fundamental que o paciente se sinta cómodo e que, desde o primeiro momento, poidamos ofrecelo mellor para o seu tratamento. Contamos con todo o necesario para un diagnóstico completo: radiografías, TAC, diagnóstico 3D, fotografía intra e extraoral… todo o imprescindible para avaliar ao paciente sen necesidade de derivalo a outro centro. A idea é que o paciente entenda que vén recibir un tratamento de ortodoncia integral.

Ten algún proxecto de futuro?

O proxecto de futuro deste centro é que a clínica medre mantendo sempre a máxima calidade do servizo, tal e como o ofrecemos actualmente. Aínda que aumente o número de pacientes, o meu obxectivo é asegurar que cada un continúe recibindo os mesmos coidados e atencións que se lles ofrecen agora, de maneira que nun futuro poida Ortodoncia Figueiras consolidarse como un referente na ortodoncia de toda a provincia.

⚙ Configurar cookies
0.071902990341187