Irmaus da Raia Seca estarán na casa museo de Manuel María este sábado

LugoXa | TerraChaXa
Presentarán en Outeiro de Rei un repertorio que xira ao redor dos territorios limítrofes de Galicia
irmaus-da-raia-seca
31 Oct 2024

Este sábado, 2 de novembro, ás 20 horas, estará na Casa-Museo Manuel María, a banda Irmaus da Raia Seca, un grupo do cal fan parte os irmáns Pascual e os irmáns Álvarez e que traerá un repertorio que xira ao redor da Raia Seca, o territorio que se estende de ambos os lados da liña que separa Galiza e Portugal, xa lonxe do Miño.

Pedro Pascual, bouzouki; Pablo Pascual, clarinete baixo; Gutier Álvarez, violín, e Javier Álvarez, acordeón diatónico, son músicos de longa carreira, prestixiosos e contrastados na música galega e internacional como mostran todos os proxectos en que teñen participado ou colaborado durante todos estes anos, entre outros, Marful, Abe Rábade, Germán Díaz, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Uxía, Budiño, Os Cempés, Talabarte, Zumaque, Kepa Junquera, Comando Curuxás, Davide Salvado... Os catro xuntos conforman un proxecto cunha instrumentación ben interesante e un repertorio xenuíno en volta dos territorios limítrofes ou arraianos de Galiza con outros territorios, xa que é un nexo común da parella de irmáns.

A banda, cuxos membros son naturais da Caniza e da Pobra de Trives, obtén das súas raíces e diásporas un sentimento compartido, “o que moitos lles parece lonxe e distante, para nós nunca deixou de estar cerca”. Úneos un forte magnetismo con esas identidades culturais da Raia Seca e reivindícanas musicalmente como parte do seu maxín. A Raia Seca son músicas que nacen do chan cando este resoa co bailar. Son melodías vivas que seguen a ter instinto propio. Son ritmos xa feitos ritual, telúricos, abocados ao transe.

Para asistir ao concerto na Casa-Museo Manuel María (en Outeiro de Rei) é necesario reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no Qhatsapp 698 177 621. A entrada é de 5 euros.

0.16250801086426