Isabel Rodríguez destaca o investimento do Goberno central en Guntín
Guntín recibiu 287.646 euros do IDAE a través do programa DUS5000 para renovación de alumeado exterior en distintas parroquias, e 86.004 euros do Plan Único-Banda Ancha para mellorar a conectividade dos fogares.
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, realizou hoxe unha visita ao concello de Guntín para observar o alcance no municipio das actuacións de mellora da eficiencia enerxética do IDAE e conectividade Banda Ancha, cun investimento total de 372.651 euros. O Goberno “fai que os fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia cheguen aos concellos, neste caso aos da provincia de Lugo que forman parte do Reto Demográfico, ampliándose así as súas posibilidades de financiamento en materia de enerxía renovable e dixitalización”.
Na súa visita ao municipio, a subdelegada puido comprobar xunto á alcaldesa, María José Gómez, a pegada que están a deixar estes fondos, “especialmente para Guntín, concello integrado no Reto Demográfico”, co fin de que os territorios de menos de 5.000 habitantes “teñan máis acceso a servizos e recursos, ampliando as posibilidades e a igualdade de oportunidades para a veciñanza de núcleos poboacionais máis pequenos”.
A subdelegada puxo de relevo que esta inversión permite ao concello de Guntín “avanzar en accións de desenvolvemento, igualando moitos dos proxectos ás capitais de provincia, facendo un pobo máis agradable e cómodo para os seus habitantes”. Con isto, preténdese frear o proceso de despoboamento “que está a sufrir o rural desde hai tempo e cremos que é posible achegando iniciativas que innoven e permitan ao municipio avanzar e adaptarse aos cambios que están a flutuar na sociedade, como é o despregue de infraestruturas de fibra”.
Isabel Rodríguez comprobou os proxectos que levou a cabo o IDAE nos últimos anos a través do programa DUS5000, no que se renovaron as instalacións do alumeado exterior nas parroquias de San Cibrao de Monte de Meda, San Roman da Retorta, Santa Cruz da Retorta, Vilamea, Zolle, Chao do Monte, Francos, Leboriz, Mougán, Outeiro, Piñeiras, Santoalla, Berlai, Corredoira, achegando 287.646 euros. O programa, xestionado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, promove actuacións de eficiencia enerxética nas distintas localidades da provincia.
“Os veciños e veciñas do municipio contan xa cun alumeado máis sostible que permite o aforro económico e que camiña cara á tan imprescindible transición enerxética”, agregou a subdelegada con respecto os plans levados a cabo polo programa.
Xunto ao programa DUS5000, Guntín tamén conta con 86.004 euros do Plan Unico – Banda Ancha, co que se pretende o despregamento dunha banda ancha a 100 Mbps para todos os habitantes da vila. O plan valora dar acceso a internet con esta velocidade a 3.080 fogares e empresas marcando “un novo fito para levar este servizo indispensable a zonas que axudarán a fixar poboación, freando a cada vez máis acuciante despoboación”.