Isabel Rodríguez destaca os avances sociais en Lugo con mellores pensións, máis emprego e reforzo dos dereitos

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A subdelegada do Goberno salienta que a provincia mellorou a súa calidade de vida grazas ao compromiso do Executivo central
subdelegada-Lugo-cifras
7 Aug 2025

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, puxo en valor a mellora da calidade de vida na provincia ao abeiro do balance semestral de rendición de contas do Executivo estatal, recollido no informe ‘Cumprindo’. “Lugo ten hoxe mellor emprego, mellores pensións, mellores servizos e máis dereitos”, asegurou Rodríguez durante a presentación dos datos.

A representante do Goberno central destacou o compromiso do Executivo coa provincia lucense e sinalou que a pensión media de xubilación sitúase actualmente nos 1.169 euros, o que supón 376 euros máis que no ano 2018. Tamén apuntou a evolución positiva do mercado laboral, cun total de 127.967 persoas ocupadas no primeiro semestre do ano, cifra que ascendeu ata as 129.416 no mes de xullo. Isto tradúcese en 5.559 ocupados máis ca en xuño de 2018 e nun incremento do 148 % dos contratos indefinidos respecto a 2019, chegando aos 26.517.

No ámbito das políticas sociais, Rodríguez subliñou a consolidación do bono social eléctrico, que beneficia xa a 12.564 persoas na provincia, e o alcance do ingreso mínimo vital (IMV), do que se teñen beneficiado 17.378 lucenses desde a súa implantación en 2020.

A subdelegada fixo fincapé no apoio “firme e sostido” do Goberno coa provincia e con Galicia no seu conxunto ao longo dos últimos sete anos. Neste tempo, segundo apuntou, a comunidade galega recibiu 18.300 millóns de euros máis que no mesmo período anterior baixo gobernos do Partido Popular.

⚙ Configurar cookies
0.17877388000488