Isabel Rodríguez destacou o aumento das pensións nunha xuntanza coa Asociación de Viúvas de Lugo

LugoXa
A subdelegada afirmou que, actualmente, máis de 112.900 veciños e veciñas da provincia de Lugo están a recibir pensións, das cales 26.777 corresponden a pensións de viuvez
xuntanza-subdelegada-do-goberno-con-viuvas
10 Nov 2024

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou o aumento sen precedentes das pensións nunha xuntanza que mantivo coa nova directiva da Asociación de Viúvas de Lugo, subliñando o cumprimento das subas progresivas acordadas polo Goberno nos últimos anos.

Tras recibir ás compoñentes da directiva na Subdelegación, compartiron algunhas liñas de traballo, poñendo en valor a importancia da protección social pública con medidas que están a beneficiar a miles de pensionistas na provincia, contribuíndo de maneira significativa ao aumento do poder adquisitivo dos fogares.

A subdelegada afirmou que, actualmente, máis de 112.900 veciños e veciñas da provincia de Lugo están a recibir pensións, das cales 26.777 corresponden a pensións de viuvez. “Este incremento, nunca antes alcanzado por un Goberno central, reflicte o noso compromiso coa dignidade das persoas xubiladas e coa protección social dos colectivos que máis o precisan”.

Desde o ano 2018, a pensión media na provincia de Lugo experimentou un aumento de 211 euros, mentres que as pensións de viuvez incrementaron en 141 euros de media. Esta suba paulatina, froito do acordo e compromiso do Goberno, permitiu fortalecer o poder adquisitivo e garantir unha mellora das condicións de vida, con especial atención ás mulleres, que representan a metade da poboación de pensionistas e en moitos casos dependen exclusivamente das pensións de viuvez para o seu sustento.

Isabel Rodríguez subliñou neste encontro a importancia de seguir apostando polo sistema de protección social, destacando que o benestar e a seguridade económica das persoas maiores é unha prioridade fundamental para o Goberno.

Finalmente, a subdelegada tendeu a man á directiva da nova asociación para traballar en común e reafirmou o seu compromiso e o do Goberno cos pensionistas de Lugo e coas asociacións que os representan, escoitando as súas inquedanzas e traballando en común para avanzar en políticas que promovan a igualdade e o benestar para todas as persoas.

0.11515307426453