Isabel Rodríguez destacou o poder das regueifas como ferramenta cultural galega de loita pola igualdade
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou o poder das regueifas como ferramenta cultural galega de loita pola igualdade e contra as violencias machistas nos centros de ensino na presentación do terceiro obradoiro organizado pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller na provincia, destinado nesta ocasión a 50 alumnos e alumnas do IES Lucus Augusti e impartido por Guadalupe Blanco.
O programa 'Regueifando en Igualdade' busca dar a coñecer novas ferramentas discursivas a través da improvisación oral, co fin de construír pezas a favor da igualdade e favorecer a conservación da regueifa como figura da tradición oral galega.
A subdelegada explicou que “o obradoiro de regueifas é unha mostra da aposta que se está a realizar por recuperar unha parte fundamental da nosa cultura e explorar todos os usos que pode ter, principalmente o de fomentar a creatividade entre o alumnado para expresar a través das palabras e a música mensaxes contra as violencias machistas e a igualdade entre os sexos”.
Así, subliñou “a importancia de coñecer a historia destes cantares, que pasaron de xeración en xeración principalmente por mulleres que souberon conservalos, pervivindo na actualidade grazas a esa cadea de transmisión oral”.
Isabel Rodríguez agradeceu “a participación activa tanto do alumnado como do profesorado, cunha mestra excelente como é Guadalupe Blanco, que transmitiu a súa dilatada experiencia e saber neste mundo para combater as desigualdades entre homes e mulleres e concienciar desde a ensinanza de que un mundo máis xusto é posible”.
O programa 'Regueifando en Igualdade' impartiuse este ano para 150 escolares de tres centros educativos da provincia: o IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo, o IES Vilar Ponte de Viveiro e o IES Lucus Augusti de Lugo.