Isabel Somoza impartiu unha xornada formativa sobre escaparatismo aos socios de Lugo Monumental

A artista, gravadora, docente e empresaria Isabel Somoza ofreceu o pasado sábado unha xornada formativa sobre escaparatismo aos socios de Lugo Monumental.
A sesión, que tivo lugar no centro público Uxío Novoneyra e foi gratuíta para os asistentes, combinou teoría e práctica nunha experiencia didáctica que resultou tan útil como entretida para os 17 participantes.
Desde Lugo Monumental destacaron e agradeceron o xesto desinteresado de Somoza, quen impartiu a formación sen percibir ningún tipo de remuneración, como mostra do compromiso e espírito de colaboración que caracteriza aos integrantes desta asociación. “É unha honra contar con profesionais como Isabel, que comparten o seu coñecemento de forma xenerosa”, subliñan desde a entidade.
Isabel Somoza, recoñecida en Lugo polo seu obradoiro de gravado Augatinta e polo seu labor docente na Escola de Arte Ramón Falcón, é tamén a mente creativa detrás dos orixinais e innovadores escaparates de Confecciones García, o histórico establecemento familiar situado na rúa San Pedro. As montaxes que alí se exhiben son un exemplo do potencial do escaparatismo como ferramenta artística e comercial, ata o punto de terse convertido nunha auténtica atracción para lucenses e visitantes. Non en van, Somoza foi galardoada con premios como o de escaparatismo de Nadal outorgado por Lugo Monumental.
A xornada formativa estruturouse en dúas partes. Na sesión teórica abordáronse aspectos clave do escaparatismo como a composición, o uso da cor, a temática ou a distribución dos elementos. A continuación, desenvolveuse unha parte práctica na que os participantes elaboraron dioramas aplicando os coñecementos adquiridos.
Unha das mensaxes máis destacadas do encontro foi a importancia da colaboración entre establecementos, unha idea que calou profundamente en Lugo Monumental. Por iso, a asociación porá en marcha unha iniciativa que fomente a creación de escaparates conxuntos ou a integración de elementos dun comercio noutro, reforzando así o tecido comercial local a través do apoio mutuo, un dos principios fundacionais da entidade.