Ítaca Teatro leva a Burela o espectáculo Profetas, gañador do Premio Abrente 2021

A compañía lucense Ítaca Teatro, fundada por Elea López e Carlos Rebolo, continúa a súa xira coa peza Profetas, un texto de Ernesto Is recoñecido co 16º Premio Abrente de textos teatrais da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia en 2021. Despois de estrear na MIT de Ribadavia, a montaxe chega agora a Burela, onde se representará o venres 19 de setembro, ás 21 horas, na Casa da Cultura.
Profetas propón un exercicio meta-teatral no que se xoga coa incerteza de se o que se ve sobre o escenario é unha obra concluída ou un proceso en construción diante do público. A proposta funciona como un xogo de espellos, abismos e saltos entre realidade e ficción, a través do reencontro dunha parella xa rota que, nunha viaxe ao pasado, aborda cuestións como o compromiso político e artístico, o amor e a creación como ferramentas de vínculo co mundo que nos rodea.
Trátase da primeira coprodución de Ítaca Teatro, realizada co Centro Dramático Galego e co apoio da MIT de Ribadavia, así como dos concellos de Lugo e Ribadavia, da Deputación de Lugo e da Deputación da Coruña. A dirección, iluminación e deseño do espazo escénico corren a cargo de Carlos Álvarez-Ossorio; o texto e a dramaturxia son de Ernesto Is; o deseño de máscaras está asinado por Marga Portomeñe; a escenografía e o vestiario son responsabilidade de Ítaca Teatro; e o elenco está composto por Elea López e Carlos Rebolo, que guían ao público nunha viaxe que percorre Compostela, Mosul e Venecia a través de tres planos: o íntimo, o social e o global.