Ítaca Teatro leva “Alma de grilo” á igrexa de San Miguel de Eiré de Pantón o 19 de outubro

LugoXa | RibeiraSacraXa
A compañía lucense presenta en Pantón un espectáculo baseado no libro de María García, con dirección de José Campanari e música orixinal de Vadim Yukhnevich
Alma-de-grilo-Itaca-Teatro
13 Oct 2025

A compañía lucense Ítaca Teatro regresa a Pantón este domingo 19 de outubro para presentar Alma de grilo, unha proposta escénica que mestura teatro, música e narración nun marco tan singular como a igrexa románica de San Miguel de Eiré.

A función, organizada polo Concello de Pantón e patrocinada pola Deputación de Lugo a través da súa Vicepresidencia de Cultura, forma parte da programación do Circuíto de Teatro Profesional e dará comezo ás 17:00 horas.

A actriz e autora María García é a protagonista desta peza, inspirada no seu propio libro homónimo, no que se recollen relatos marcados por un ton poético e un fondo próximo ao realismo máxico. A través do canto dos grilos, que actúa como fío condutor, a intérprete percorre historias nas que a fraxilidade se transforma en afouteza, a cobiza xera incomunicación e a imaxinación convértese nun refuxio fronte á soidade.

A acompañan a música orixinal de Vadim Yukhnevich e a dirección de José Campanari, quen dá forma a un espectáculo concibido para espazos non convencionais, como o da igrexa de San Miguel de Eiré, que reforza a atmosfera íntima e simbólica desta montaxe.

Alma de grilo propón así unha experiencia teatral que invita á reflexión sobre a natureza humana e as súas contradicións, cunha posta en escena delicada e profundamente emocional.

⚙ Configurar cookies
0.072901010513306