Ítaca Teatro leva ao escenario 'Instrucións para tomar café' no Día da Narración Oral

A compañía lucense Ítaca Teatro celebrará o Día Internacional da Narración Oral cunha función especial de Instrucións para tomar café, que terá lugar o xoves 20 de marzo, ás 12:00 horas, no Escenario Hipócrita. O espectáculo está dirixido ao alumnado do IES Ánxel Fole de Lugo.
A proposta, creada e interpretada por Carlos Rebolo, baséase no libro homónimo de Manuel Núñez Singala, editado por Galaxia. Mediante unha selección de relatos, o espectáculo debuxa con humor e retranca a complexidade do ser humano, explorando o contraste entre bondade e mesquindade, éxito e fracaso, realidade e imaxinación.
Rebolo, cunha ampla traxectoria no mundo da narración oral, promete unha sesión de contos que farán rir e pensar ao público, ofrecendo unha perspectiva irónica e reflexiva sobre a vida… ou, polo menos, sobre a forma de tomar café.