Iván Castro: "Ter un traballo á marxe da política permite ser máis independente nas decisións”

Jessica Fernández
Como compaxina as súas obrigas persoais e laborais coas institucionais, sendo 'novato'?
No ámbito laboral xa levo varios anos, que ademais teño a sorte de que me gusta, desde antes de desempeñar ningún cargo público, xa que eu creo que é moi importante non depender da política economicamente para poder tomar decisións máis libres e coherentes, que doutro xeito seguramente costaría máis. Pero, sen dúbida, o máis bonito é o de ser pai, e procuro desfrutar diso o máximo tempo sen deixar de lado as outras obrigas. Este tempo, ademais, foi complicado por todos os procesos internos, que esixen unha dedicación moi intensa. Con respecto á Deputación, o que máis me gusta é o contacto coa xente e poder resolver problemas, por pequenos que sexan, e facilitar a vida dos veciños. Isto, para os que estamos, e nos gusta a política local, é o que nos engancha.
Como portavoz do PSOE de Paradela, ten pensado repetir como candidato en 2027?
Falta moito para 2027, na política todo evoluciona moi rápido. Sempre tiven conciencia de traballo en equipo e, cando chegue o momento de decidilo, falarémolo e tomaremos a decisión entre todos, dependendo do que máis vantaxes nos proporcione e a dispoñibilidade de cada un dos que formamos as candidaturas e o partido en Paradela.
Que necesidades ten Paradela na actualidade e de que forma se poden resolver?
Paradela é un Concello con moitas posibilidades. Un dos principais problemas que temos, senón o principal, é o despoboamento. Temos que buscar as fórmulas para recuperar ou manter poboación, que ao noso modo de ver pasa por 4 puntos fundamentais. O primeiro é o fomento das explotacións agrícolas e gandeiras, facilitando as xestións e proporcionando boas comunicacións entre outras cousas. A segunda é a creación de postos de traballo, que é fundamental para asentar poboación nova no municipio. Neste ámbito, estamos contentos cos novos proxectos en marcha que crearán postos en Paradela, coma varios proxectos de turismo rural que están en marcha, a instalación dunha empresa importante como Metalpower no noso polígono, no que dende a Deputación se acaba de investir unha cantidade importante para poder poñelo en marcha, e que sumará unha cantidade importante de xente que directa ou indirectamente acude ao noso pobo a diario con posibilidades de que vivan aquí, e esperamos que nos vindeiros meses se materialice algún proxecto máis e que as empresas xa asentadas sigan mantendo e incrementando o numero de traballadores. A terceira pata é a parte turística do noso Concello, que conta cunhas rutas de sendeirismo con moito encanto e o Camiño de Santiago, que fai que moita xente veña durante o ano. Somos un dos poucos concellos que forman parte da Ribeira Sacra e do Camiño de Santiago e, sen dúbida, Paradela ten moitas posibilidades neste ámbito. E a cuarta pasa por uns bos servizos para a nosa xente máis maior para que poida vivir nas súas vivendas ou no noso Concello nunhas boas condicións.
Desde a bancada socialista da Deputación, como se defenden os intereses dos veciños da provincia?
Na Deputación faise un labor moi importante de cara a todos os Concellos da provincia, especialmente os pequenos coma o meu, e estase a facer un esforzo importante nas estradas. Desde logo, co Plan Único hai un reparto moi equitativo entre todos os concellos para chegar a toda a poboación da provincia e incluso este podería acadar máis se as Administracións asumiran as súas competencias, como o caso das residencias.
Como valora a primeira experiencia como candidato á Secretaría Xeral do PSOE da provincia de Lugo?
Foi unha moi boa experiencia, cunha acollida fantástica entre a militancia. No Partido Socialista, a cultura de Primarias leva anos instaurada e o debate alimenta o partido para saír máis fortes aos procesos electorais. Dende o noso equipo chegamos a toda a provincia e iso foi unha demostración da viveza da militancia socialista da nosa provincia. Hai moita xente con ganas de aportar e un partido coma o noso saberá canalizar e aproveitar todo este capital humano.
Contou con numerosos apoios, volverá presentarse?
Non penso nunca nisto porque a política é un traballo coral e en equipos permeables. Sen dúbida, hai moita xente moi capaz e, agora, ao compañeiro Tomé tócalle dirixir o partido neste período e entre todos alcanzar os obxectivos políticos marcados para poder seguir traballando pola cidadanía da nosa provincia.
Compensa o seu labor político a pesar das críticas, como por exemplo a da suba de salario?
O labor político é complicado nese aspecto, xa que calquera cousa que sae, magnifícase. Por exemplo, neste caso, non ten ningún sentido o que algún medio insinúa, xa que simplemente é unha reorganización das dedicacións que o PSOE ten na Deputación. No pleno de organización asignáronselle 8,5 dedicacións ao PSOE por unanimidade de todos os grupos e, coa renuncia á mesma do alcalde de Lugo polo cambio a raíz do desgraciado falecemento da compañeira Paula, simplemente foi unha reorganización das mesmas, pasando 7 compañeiros a ter a dedicación exclusiva do 100 %, e Xosé María Arias e máis eu o 75 %, ata sumar o total das 8,5 dedicacións que nos corresponden, e recaendo nos tres que menos dedicación tiñamos, dentro desa partida destinada ao grupo. Eu teño o meu traballo e non dependo para vivir da política, por sorte. Pouco me coñece quen poida pensar que eu negociaría unha posición política ou non defendería o que penso por un salario, e creo que demostrado está sobradamente.
Como ve a situación política nacional despois dos últimos acontecementos?
O panorama nacional é complicado, e o mundial máis. Vivimos nun mundo moi convulso que está nunha situación moi perigosa. Medran os extremismos políticos e iso sempre é unha mala nova. Os partidos de Estado teñen que estar á altura e reconducir a situación.
No apartado turístico, o futbolista Diego López acaba de adquirir en Paradela uns terreos para un proxecto turístico e vitivinícola, que lle parece?
Si, a Deputación puxo a poxa pública uns terreos na Adega dos Penedos e a súa foi a mellor oferta. Desde logo esperamos que sexa un proxecto exitoso e frutífero xunto cos outros proxectos de turismo rural do noso concello en marcha, para que a maior cantidade de xente posible poida vir ao noso Concello e desfrutar tanto da Ribeira Sacra coma do Camiño. Temos moito que ofrecer.
Cal é a principal motivación do PSOE de Paradela de cara ao futuro?
O principal é traballar para a nosa veciñanza. Seguir avanzando na mellora da vida dos veciños de Paradela e as súas condicións vitais. Temos moito potencial en moitos ámbitos e dende o equipo que formamos en Paradela estaremos aí para tirar polo pobo.