Iván Mouronte, artista lucense, presenta o seu cartaz do San Froilán 2025

O artista lucense Iván Mouronte é o encargado de dar imaxe ao San Froilán 2025 coa súa creación, presentada este martes pola concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro. Ferreiro destacou que se trata da primeira vez que un veciño de Lugo, profesional da ilustración, elabora o cartaz das festas, grazas á colaboración da Tenencia de Alcaldía coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración.
A edil anunciou que o pregón terá lugar o 4 de outubro ás 12 da mañá, para iniciar as celebracións xa a primeira hora do sábado, e sinalou que nos vindeiros días se publicará o programa completo das festas. Ferreiro explicou que o Concello segue a traballar na profesionalización das festas máis importantes da cidade, garantindo que cada ano un ilustrador ou ilustradora lucense profesional deseñe o cartaz.
A concelleira sinalou que esta iniciativa busca promocionar o traballo das profesionais da ilustración de Lugo, ao tempo que evita problemas derivados do uso de ferramentas como a Intelixencia Artificial, que están a modificar carteis en outras festas. “É un orgullo que sexan as e os artistas de Lugo os que dean imaxe ás nosas festas máis importantes, a gran festa do outono galego”, afirmou Ferreiro.
Pola súa banda, Iván Mouronte explicou que o seu traballo combina protagonistas literais das festas, sobre o escenario, coas persoas que disfrutan delas, incluíndo músicos, polbo, churros, artesanía e atraccións. O artista engadiu que a obra tamén inclúe unha mirada posta no futuro, captando o San Froilán á luz do día e da noite, coa multitude de luces e coa música, tanto tradicional como contemporánea, que caracteriza a celebración.