Iván Salgado presenta en Lugo o seu libro 'El arte de la victoria' cunha sesión de partidas simultáneas

LugoXa | OurenseXa
Nado en Ourense en 1991, é considerado o xogador de xadrez máis destacado da historia de Galicia e obtivo o título de Gran Mestre no ano 2008
Iván-Salgado-xadrez
11 Jun 2025

O Gran Mestre de xadrez Iván Salgado presentará o vindeiro xoves 12 de xuño ás 19:00 horas a súa obra El arte de la victoria no salón de columnas do Círculo das Artes de Lugo.

O acto está organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e a Asociación Cultural Xaquedrum, coa colaboración do Círculo de las Artes e do xornal El Progreso, dentro do programa Iniciativa Xoven da Xunta de Galicia.

Ao remate da presentación, Salgado asinará exemplares da súa obra e xogará catro partidas simultáneas cos asistentes. Ademais, celebrarase un sorteo de dous exemplares do libro entre o público participante.

El arte de la victoria é unha análise profunda e detallada do Campionato Mundial de Xadrez de 2023, centrado no duelo entre Ding Liren e Ian Nepomniachtchi. A obra combina comentarios técnicos sobre as xogadas e estratexias dos dous contendentes con reflexións sobre o compoñente psicolóxico da competición, incluíndo as motivacións, sinais non verbais e estratexias mentais que marcaron o desenvolvemento do campionato.

O libro está escrito polo propio Iván Salgado, que achega a súa experiencia e coñecemento técnico como Gran Mestre, e polo psicólogo Carlos Martínez, quen analiza a dimensión psicolóxica do xogo. Ambos autores buscan ofrecer unha visión completa e accesible deste fito recente na historia do xadrez.

Iván Salgado López, nado en Ourense en 1991, é considerado o xogador de xadrez máis destacado da historia de Galicia. Obtivo o título de Gran Mestre no ano 2008, sendo un dos máis novos de España en lograr esta distinción, tras destacar desde moi novo como unha das grandes promesas do xadrez nacional.

⚙ Configurar cookies
0.16984987258911