Iván Sangiao gañador absoluto da Castro Caldelas Vegan Trail

LugoXa
Iván Sangiao, do club Biosbardo, proclámase campión absoluto da Castro Caldelas Vegan Trail esta fin de semana
Iván Sangiao Biosbardo
12 Dec 2022

Iván Sangiao, do Club Biosbardo proclámase campión absoluto da Castro Caldelas Vegan Trail celebrada esta fin de semana na localidade ourensá de Castro Caldelas.

A proba raíña percorre a Ribeira Sacra ourensá nun total de 42 quilómetros por terreo moi técnico e salvando un desnivel acumulado superior a 6 mil metros. Unha das particularidades, que dan nome á proba é a ausencia de produtos de orixe animal.

A competición deu comezo ás 8 da mañá dende o centro de Castro Caldelas, aínda de noite, os participantes precisaron utilizar luz frontal nos comezos da carreira. Dende os primeiros momentos Sangiao marcou o ritmo da proba, pero antes do quilómetro dous perdeuse no percorrido ó saltarse un cruce. Tras remontar a case todo o pelotón o deportista biosbardo xa se incorporou ó grupo de cabeza no quilómetro 17 xunto a David Álvarez (2o) e Roberto Tuñas (3o), Emilio Montilla e Sebastián Reboreda; mantendo un ritmo cómodo no grupo. No quilómetro 25 Iván decidiu marchar en solitario avantaxando en máis de 5 minutos ó segundo clasificado en liña de meta.

Dende o C.D.Biosbardo amosan a súa satisfacción de recuperar a dous dos seus deportistas, pois tanto Iván Sangiao como Juan Miguel están a recuperarse progresivamente de distintas patoloxías que levan sufrindo os últimos meses.

Rematada a tempada os deportistas do C.D, Biosbardo  desfrutarán das últimas probas do ano, xa a nivel popular como a Lugo Monumental que terá lugar o vindeiro 18.

Biosbardo Ivan
0.15417289733887