Izal e Estopa conquistan ao público lucense na cuarta edición do Caudal Fest
Tal e como se esperaba, milleiros de persoas trasladáronse durante todo o día ao recinto habilitado á beira do Miño para desfrutar de bo ambiente e boa música.
Os concertos deron comezo ás 17.00 horas con actuacións coma a de Infrarroja ou León Benavente, pero non foi ata as 20.15 horas cando Izal fixo vibrar ao público co que se convertería no seu último concerto en Galicia.
Izal atópase na súa xira de despedida como banda e elixiu o parque do Miño lucense para dicir adeus a tódolos seus fans no que supón un dos eventos máis agardados do panorama musical galego e español.
O público animado coreaba as súas letras, bailaba as súas cancións e a proximidade do seu vocalista, Mikel Izal, terminaba por conquistalos.
Outro dos pratos fortes da noite foi o de Estopa, o dúo dos irmáns Muñoz, deleitou aos lucenses coa súa rumba catalana e fixo que as palmas se escoitasen en toda a beira do Miño.
Os concertos que se desenvolveron durante todo o día non só fixeron as delicias dos lucenses, o 40% dos asistentes chegaban dende outros puntos da comunidade e incluso de fóra de Galicia superando o número de asistentes da primeira edición, no ano 2018, na que se acadaron os 22.000 visitantes.
Un dos grandes atractivos do festival tamén é o feito de que se organice na contorna do Miño, unha zona de gran valor natural e paisaxístico que o executivo municipal está a potenciar a través de diferentes actuacións enmarcadas na estratexia DUSI Muramiñae, co obxectivo de achegar a trama urbana da cidade ao río.
A edición deste ano era unha das máis agardadas, pois o festival lograba recuperar o seu formato tralas restricións pola pandemia.
Hoxe sábado 17 e como peche de festival, será a quenda dos Ilegales ás 20.55 horas e Robe, excantante de Extremoduro, que tocará ás 22.55 horas como pratos fortes do día. Ambos compartirán escenario co artistas como Delaossa, Cupido, Ciudad Jara, Mujeres, Ciclonautas, Paranoid 1966, Forget la France e Apart.