Jacobo Díaz, do Dez Portas: “O tenis de mesa é o deporte máis inclusivo que hai”
Lucía Blanco
Lugo é, por excelencia, unha cidade que destaca pola súa gran oferta deportiva grazas aos distintos clubs e entidades que apostan por poñer en valor as súas disciplinas para que estas logren o protagonismo que merecen. Baixo estas premisas o Dez Portas, que cumpre a súa maioría de idade, celebra de novo o torneo San Froilán o 14 e 15 de setembro, unha cita que naceu no 2006 e que forma parte do Circuíto Galego. “No ano da pandemia tivemos un parón, pero ao ver que é un torneo importante que reúne máis de 100 deportistas en Lugo de tenis de mesa seguimos facéndoo ano a ano”, conta Jacobo Díaz, director do club.
Como botou a andar?
As entidades de tenis de mesa de Galicia que queren ter un torneo de mesa propio pertencente ao Circuíto galego fano. Sempre lle dá un pouco de valor ao deporte na nosa cidade e tamén nos danos un pouco nós a coñecer. Aos poucos anos de nacer o Dez Portas xa comezamos a organizar este torneo e xa van 13 edicións. No ano da pandemia non se fixo, pero ao ver que é un torneo importante que reúne máis de 100 deportistas en Lugo de tenis de mesa seguimos facéndoo ano a ano.
Trátase dunha cita que congrega a participantes de distintos puntos de España e tamén do estranxeiro.
Ademais de ser un torneo no que poden participar todos os xogadores de club de Lugo, é aberto a nivel internacional. Algunhas veces viñeron xogadores tanto de España, como pode ser Asturias ou Madrid, e tamén xogadores portugueses cos que tamén contaremos este ano.
Por primeira vez organízase en dobre modalidade. Que idades poden participar?
O torneo na xornada do sábado faise por categorías de idades, desde benxamín ata veteráns de máis de 65 e na xornada do domingo é o torneo absoluto, que se apunta quen quere. Tanto dá que se apunte un rapaz de 12 anos como un maior de 65. Xogan todos xuntos. Este ano puxemos a novidade de que se paga unha pequena cota de inscrición e daremos un premio en metálico que iso sempre atrae a participar.
As expectativas son positivas?
Si. Antes só o facíamos nunha xornada e chegabamos aos 100 participantes. Esperamos que con esta dobre modalidade aumente un pouco o número de inscritos e xogadores e se lle de máis valor e importancia ao torneo.
Hai moita afección por esta disciplina?
Eu penso que si, aínda que moitas veces hai un pouco de descoñecemento, non só do deporte senón da nosa existencia. Este ano fixemos un grande traballo achegándoo a todos os colexios da cidade, facendo exhibicións co noso novo adestrador. E grazas a iso chegáronnos novos rapaces que non nos coñecían pero que se apuntaron e que viñeron a probar. Fixemos outras iniciativas para darnos a coñecer: un torneo feminino de afeccionados e torneos con asociacións sociais coas que traballamos. Chégannos comentarios de todo tipo, dende que non sabían que existiamos, que había un club federado aquí e despois hai xente que pensa que o tenis de mesa é poñerse diante da mesa e que practicamente non hai que moverse.
Pero é todo o contrario, trátase dun deporte moi completo.
Ao principio hai que collerlle o truco, pero é un deporte moi completo e apto para toda as idades. É o deporte máis inclusivo que hai, para todas as idades e para todas as capacidades. Nós sempre animamos a vir probar, deixámoslles dúas semanas para que proben de forma gratuíta e sen compromiso e vexan se lles gusta o noso sistema de adestramento. E despois a verdade que, sobre todo nestes últimos anos, poucos decidiron non seguir. Chegan, proban e continúan.
O voso adestrador, o portugués Cláudio Mendes, co que acaban de renovar para unha segunda tempada, tamén ten moito que ver nesta gran acollida. Que supón contar cun profesional do seu nivel?
Está facendo un gran traballo. Ten unha traxectoria ligada ao tenis de mesa de máis de 20 anos e levou á primeira deportista portuguesa ás olimpíadas. O verán pasado falabamos con el e tiñamos moitas dúbidas se acabaría vindo. Pero é un adestrador ao que lle gustan os retos e nós estabamos nun momento, despois dunha tempada complicada, no que necesitabamos que alguén nos puxese a funcionar e nos levantase. Os nenos están encantados, os maiores tamén e os de competición están mellorando moito con grandes resultados. Estamos desexando que comece a seguinte tempada.
Pecharon a tempada precisamente con 45 socios. Que balance fan?
Está moi ben para ser un deporte minoritario. Temos tres grupos de adestramento, o de primeira hora é para a iniciación dos rapaces, despois adestran os veteráns e por último adestran os xogadores de competición os de máis nivel. E agora vai moi ben.
Como afrontan este novo curso?
Esta tempada cerramos con 45, pero xa temos novas solicitudes para este novo curso que esperamos parar dos 50. Eu penso que aínda que pasamos por un momento complicado, estamos remontando, hai futuro e hai ilusión pola nosa parte.