Jacobo Gómez, speaker e DJ: “Cada encontro do CB Breogán é un espectáculo e engancha cada vez máis”

LugoXa
Falamos con Jacobo Gómez (Lugo, 1983), speaker no Pazo durante os encontros do Río Breogán Club de Baloncesto ou nos do Durán Maquinaria Ensino de baloncesto
Jacobo-Gómez-speaker-Pazo-dos-Deportes-Lugo
Imaxe cedida por Carlos Castro
26 Apr 2025

Por Diego Rouco

Conte algo de si mesmo.

Eu son unha persoa activa e, a parte de ser o speaker nos partidos, traballo como DJ. Quero que a miña afección faga desfrutar á xente nos partidos. Non teño moito tempo libre, pero cando dispoño dese tempo é para estar coa familia e os amigos; e no verán, en xullo principalmente, estou de vacacións e aproveito para ir pescar onde recargo as pilas para a tempada seguinte.

Desde cando é o speaker do Breogán?

Son o substituto do anterior e o gran speaker, José Areñas. Grazas a el aprendín esta profesión dende a grada como un afeccionado máis, polo que foi un gran mestre. Eu cheguei aquí mostrando o meu estilo, lembrando cousas do pasado e comecei no Río Breogán en marzo do 2017 e no Durán Maquinaria Ensino estou dende outubro do 2018.

Que é o que máis lle gusta do Breogán?

Cada encontro é un espectáculo e todo é moi rápido. Gústame o baloncesto dende os 10 anos, máis ou menos, pero cando me deron as funcións de speaker o baloncesto enganchoume aínda máis. É un deporte moi dinámico, no que sempre haberá un gañador, sen tregua, onde hai que estar atento a todo o que fai cada xogador, cada árbitro, e sobre todo da afección para que lle dea forza a cada xogador e este triunfe. Todo ten que ser un show na grada. E tamén está o tema da publicidade, dos patrocinadores, os xogos (con nenos ou maiores)... Son dúas horas moi intensas, acaba un extasiado.

Ten outro traballo?

Durante moitos anos dediqueime ao ámbito deportivo. Estiven 11 anos ligado ao Azkar Lugo FS, onde me naceu a paixón de speaker e pola música. E dende o 2015 estou como directivo na ADC Sagrado Corazón, e na escola tamén. Ademais, en xaneiro do 2023 fundei Royal Eveventos, unha empresa que fixen co meu amigo Marcos Pereira.

Que lle gusta máis, o mundo do Breogán ou o de DJ?

O do Breogán é diferente do de DJ. No Río Breogán son o speaker e como DJ está o meu compañeiro Héctor, que tamén me axuda nos encontros do Breogán. Como DJ é un mundo diferente, porque tes que ir a unha voda, a un evento dunha empresa,  a unha festa de barrio...

Considérase recoñecido?

Algo si, porque ás veces me cruzo con algunha persoa afeccionada ao Breo ou ao Ensino e me recoñecen.

Traballar con Maximus é un privilexio en toda regra, cal é a súa canción favorita?

A Maximus dálle igual o que lle poñas. Gústalle moito bailar e facer felices aos nenos, incluso a maiores. Cando está coa afección, fainos bailar.

De todas as cancións que se poñen nos partidos do Breogán, ten algunha favorita?

A chamada “matchday” de Mon DJ. Foi unha que puxen a pasada tempada no derradeiro encontro na liga ACB en casa ante o Andorra, onde o equipo tiña que gañar para a permanencia e conseguímolo! É algo que tiña en mente dende metade da tempada, pero ese era o momento oportuno. Lembro que a xente reaccionou moi positivamente coa canción. Foi un éxito ese día e ademais é a canción das peñas. Pero non podemos esquecer cancións como o Bella Chao, Sweet Caroline, a Muñeira de Chantada…

Cal foi o seu partido favorito en todo o que leva como speaker?

Se falamos do máis recente, é o partido contra o Zaragoza o domingo 20 de abril, sendo un exemplo de remontar un partido, faltando 4 minutos para o final. A xente estaba nerviosa, eu en pánico… pero por fin gañamos cunha especial e incrible tripla. Pero hai moitos como o de Andorra, vitorias contra os grandes  como o Real Madrid ou o Barcelona, ou a vitoria contra o Baskonia en xaneiro do 2022 para poder xogar a Copa do Rei; ou incluso xogando na LEB para o ascenso na tempada 2020-2021, e conseguir tamén a Copa Princesa.

⚙ Configurar cookies
0.16915917396545