Janisel Martinez García, lucense número 100.000

LugoXa
A recepción a Janisel Martinez García enmárcase dentro da campaña Xa somos 100.000 coa que desde a Tenencia de Alcaldía se celebra este momento histórico
Janisel-Martinez-García,-lucense-número-100.000
1 Xul 2024

O tenente alcalde, Rubén Arroxo, e a concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza, Cristina López, recibiron no Concello a Janisel Martinez García, habitante de Lugo número 100.000 segundo os datos do padrón de habitantes. Rubén Arroxo e Cristina López mantiveron un encontro con esta veciña na Casa Consistorial. A Tenencia de Alcaldía continúa deste xeito coa celebración dos 100.000 habitantes, un fito histórico para a cidade de Lugo.

A recepción a Janisel Martinez García enmárcase dentro da campaña Xa somos 100.000 coa que desde a Tenencia de Alcaldía se celebra este momento histórico para a cidade de Lugo. Rubén Arroxo afirmou que "con esta campaña poñemos o foco nun dos grandes cambios que pegou Lugo nos últimos 5 anos, a importante transformación do espazo público impulsada polas áreas da Tenencia de Alcaldía, que permitiron aumentar a calidade de vida de todas as veciñas e veciños, tanto do centro como dos barrios e zonas periurbanas".

Arroxo destacou "o avance de Lugo" neste período, con 15 novas rúas peonís tanto no centro da cidade como nos distintos barrios, 18.000 metros cadrados de novos espazos peonís en zonas como a Milagrosa, o Sagrado Corazón, Recatelo, Acea de Olga ou a Piringalla. A Tenencia de Alcaldía traballou tamén no calmado do tráfico, "para cumprir, desde o minuto 1, o compromiso de mellorar a seguridade no espazo público", afirmou Arroxo.

A área de Mobilidade leva anos executando un plan de tráfico iniciado nas contornas escolares, o que provocou un efecto chamada en todas as zonas de Lugo. "Seguimos a traballar para que non haxa nin un só punto da cidade no que ser un peón sexa motivo de inseguridade", destacou. A área de Participación colocou imaxes desta campaña en distintos tótems localizados no centro da cidade, "onde a veciñanza tamén pode atopar información sobre programación cultural de Lugo, unha programación ampla e variada con actividades ao longo de todo o ano para distintos públicos e gustos".

0.10645484924316