Jarno Pousada e Antonio Serrat participaron no ciclo “Luz ao Deporte”

O triatleta lugués Jarno Pousada e o vigués Antonio Serrat foron os protagonistas da segunda xornada do ciclo de charlas Luz ao Deporte, que se celebrou na Delegación Territorial da Xunta en Lugo.
O encontro reuniu alumnado do CEIP Anexa, CEIP de Nadela, CIFP Politécnico, CPR Divina Pastora-Salesianos e o colexio San Lourenzo, e contou coa presenza do delegado territorial da Xunta, Javier Arias. Durante a charla, os deportistas compartiron cos rapaces e rapazas as súas experiencias persoais e a súa visión do deporte como ferramenta de superación, disciplina e crecemento persoal.
Jarno Pousada chega a esta cita nun momento de grande forma, tras acadar a medalla de bronce na categoría elite masculina da Copa de Europa de tríatlon celebrada este mes en Tenerife. Ademais, o pasado setembro logrou a súa primeira vitoria internacional na categoría elite en Marruecos, nunha proba da Copa de África disputada en Taghazout. Pola súa banda, Antonio Serrat posúe un destacado palmarés, con medallas de bronce e prata nos Campionatos Europeos de Tríatlon de 2021 e coa súa participación nos Xogos Olímpicos de 2024.
O ciclo Luz ao Deporte continuará no mes de novembro cunha nova sesión que terá como protagonista á piragüista lucense Tania Fernández, dobre campioa do mundo de maratón na modalidade de K2. A iniciativa busca achegar ás novas xeracións os valores do deporte, fomentando a constancia, o compañeirismo e o esforzo como bases do éxito persoal e colectivo.