Javi Maneiro actuará en febreiro en Lugo dentro dunha xira por Galicia
Javi Maneiro iniciará no mes de febreiro a xira de presentación do seu último álbum, Un bonito despertar, por teatros e salas de concertos de Galicia e chegará a Lugo. O cantante e compositor dará así a coñecer o seu cuarto disco, publicado a pasada primavera e que agora por fin poderá compartir ao vivo, plenamente, co público galego.
En total serán catro fins de semana nas que Maneiro visitará sete localidades galegas. A xira, que conta co apoio da Xunta de Galicia, comezará o 3 de febreiro en Boiro e, ao día seguinte, o domingo 4, o cantante desprazarase a Ourense. Despois do Entroido, Un bonito despertar presentarase no Playa Club de A Coruña o sábado 17, mentres que na Sala Jagger de Lugo o directo terá lugar o domingo 18. Xa de cara á fin de semana seguinte, Maneiro estará no Master Club de Vigo (sábado 24) e no Centro Torrente Ballester de Ferrol (domingo 25). Finalmente, a xira de inverno pecharase o sábado 2 de marzo no Teatro Principal de Pontevedra.
Maneiro móstrase “moi ilusionado” por comezar esta serie de directos polas catro provincias logo da presentación oficial que tivo lugar, o pasado mes de xuño, na Sala Capitol. Agora, o cantante poderá compartir co seu público os temas do seu cuarto disco, no que asume tanto a autoría da música coma das letras. Sobre o escenario, Maneiro acompañarase dunha banda conformada por Manu Rey (batería), Pachi Cruz (baixo), Rubén Cores (guitarra), Fernando Calvo (Guitarra) e Iria Iglesias (teclados).
Os billetes (10 euros máis gastos de xestión) para asistir aos concertos de presentación de Un bonito despertar pódense adquirir a través das plataformas www.enterticket.es (para os directos de Boiro, A Coruña, Lugo e Vigo).
Biografía Maneiro
Javi Maneiro é natural da Pobra do Caramiñal, mais reside en Ribeira desde hai 25 anos. Coñecido por ser vocalista de bandas como Heredeiros da Crus e Jabón Blue, no 2014 inicia a súa carreira en solitario, unha traxectoria que compaxinou co seu traballo nunha fábrica de conservas. No 2017 lanza o seu primeiro LP Furtivos e, dous anos despois, o segundo, Acaricia mis arrugas. A capacidade de composición de Maneiro é sorprendente: tan só un ano despois, no 2020, publica un disco acústico en formato videoálbum, Palabras de un desconocido.
No 2021, para celebrar os seus 30 anos na música, comeza a traballar no que será o seu cuarto disco, Un bonito despertar; mais no medio da gravación do disco e da xira con Heredeiros, sufre un accidente cerebrovascular. Logo do seu lanzamento o pasado mes de maio, da presentación ao vivo na Sala Capitol de Santiago no mes de xuño e dunha coidada recuperación ao longo destes meses, Maneiro iniciará o vindeiro 3 de febreiro unha xira ateigada de vitalidade e entusiasmo polas salas de concertos e teatros de Galicia.