Javi Núñez, do Abella FC: “Traballamos para que os nenos poidan xogar no equipo do seu barrio”

LugoXa
Javi Núñez e Esther Gallego, presidente e vicepresidenta do Abella F.C. que xorde en agosto do ano 2018, poñen en valor a iniciativa ‘Un niño, un balón’
Abella-FC-Un-niño-un-balón
3 Sep 2025

Jessica Fernández

O Abella FC naceu en agosto de 2018 da necesidade de aportar algo ao barrio de Abella, un barrio humilde de Lugo no que se consideraba necesario aumentar a presenza do deporte. "O 95% máis ou menos dos rapaces que adestran con nós é do barrio, o que xera comunidade", explica Javi Núñez, presidente do club. Os equipos abarcan todas as idades, desde os xuvenís, de 16 anos, ata veteranos que roldan os 40.

A estrutura económica do club baséase en gran medida no apoio de patrocinadores. Núñez explica que "ás familias lles custa facerse cargo da cota que poñen a maioría dos equipos. E nós, grazas aos patrocinadores, a empresas da zona, conseguimos reducir moitísimo esa cota".

O acceso a instalacións foi un reto desde o inicio. Ao principio era case imposible adestrar aos catro equipos, a pesar de dispoñer dun instituto e dous colexios públicos, todos eles con pavillón. "Recoñecemos que nos puxeron bastantes trabas, e a día de hoxe hai algúns que nin nos contestan, nin para eventos nin nada", comenta Núñez. Porén, con perseveranza, o IES Leiras Pulpeiro abriu as súas portas, e cando se creou o equipo feminino, o club puido adestrar na Piringalla. Hoxe en día, o masculino adestra en Leiras Pulpeiro e o feminino na Piringalla.

Así, agora a partir de setembro, o Leiras Pulpeiro concederalle tres días á semana unha hora e media por día, mentres que Menéndez Pelayo e Casás non responden. "Nós o que temos claro é que imos seguir traballando polos rapaces do barrio", afirma Núñez. Este mes os veteranos de fútbol campo comezan, mentres que en outubro é a quenda de Abella A, Abella B e o novo equipo xuvenil de 16 a 18 anos. "Os rapaces están ilusionados, temos moitos nenos que queren vir a xogar ao club do seu barrio e nós queremos adestrar, pero o problema son as instalacións á hora de adestralos. Entón, estamos aí e seguimos traballando para que os nenos poidan xogar no equipo do seu barrio e darlles a oportunidade", subliña Núñez.

Ademais, engade que “non entendemos como nun barrio como Abella, onde hai tres pavillóns, non poidamos dispoñer dun. Non é normal que adestremos na Piringalla; ao final desvinculas aos rapces do barrio; deberían poder adestrar aquí", engade. E iso ten outro problema, que contan cunha lista de espera de nenos de 8 a 14 anos que queren xogar, pero non hai instalacións onde poidan adestrar, polo que non se poden formar e non poden competir.

O EVENTO SOLIDARIO ‘UN NIÑO, UN BALÓN’

Entre os proxectos máis importantes do Abella FC está o evento solidario ‘Un niño, un balón’, que se celebrará o sábado 6 de setembro e que busca dedicar un día completo aos nenos do barrio.

O evento inclúe actividades como pintacaras, colchonetas, entrega de 100 camisetas e 100 balons, ademais dunha merenda, todo totalmente gratuíto. "Aquí non hai letra pequena", destaca Núñez. O evento contará tamén coa presenza das mascotas dos grandes equipos de Lugo, Nabic do Club Deportivo Lugo e Maximus do Club Baloncesto Breogán.

O obxectivo principal é tamén fomentar a solidariedade: "O barrio é o que é, e as familias son as que son. Hai nenos que non se poden costear competir. Se un neno quere xogar co seu compañeiro de colexio, cos amigos do parque, ou simplemente porque quere, e lles falas aos pais das cantidades, en moitos casos non se poden chegar a elas, falamos do 40-50% do salario mínimo profesional dunha familia, polo que é complicado que ese neno poida xogar. Porque van para a mutualidade, as equipacións, a mutualidade de futbolistas, os árbitros, as augas... todo leva... empezas a sumar e iso é unha barbaridade, arredor de 350-450 euros".

A través de ‘Un niño, un balón’, o club logra reducir ou eliminar estas barreiras económicas. "Grazas a esta iniciativa, a través das empresas, reducimos as cotas ou simplemente xa non pagan absolutamente nada. Por exemplo, grazas ao evento, este ano seis adolescentes xuvenís non pagan nada", explica Núñez.

Tras o evento, o club realiza unha avaliación económica de cada neno para determinar quen necesita apoio, asegurando que "o deporte non pode ser clasista e temos que darlles a oportunidade a todos eles de competir de igual forma que calquera outro". Núñez engade unha reflexión persoal: "Cando eu era pequeno, vin dunha familia humilde e para poder competir nun equipo de fútbol fíxose cargo da miña cota un párroco. Agora sinto a necesidade e a obriga de facer o mesmo por outros nenos".

Núñez confesa o seu desexo de expansión da iniciativa: "Encantaríame que ‘Un niño, un balón’ fose unha cadea, que non sexa só isto. Estaríamos encantados de doar o logotipo en calquera barrio da cidade de Lugo ou en Galicia, que se fixese e estivese en todas partes. Pero que máis xente fixese isto. Eu estaría superencantadísimo de colaborar en toda Galicia, oxalá".

En canto aos proxectos de futuro, o club quere ampliar o cadro de xogadores que se poidan unir, medrando cada ano e converténdose nunha referencia deportiva na cidade de Lugo. "A nosa misión e obxectivo prioritario é darlles a estes nenos que temos na lista xa apuntados a oportunidade de xogar no equipo que queren", conclúe Núñez.

⚙ Configurar cookies
0.1424868106842