Javier Arias acusa ao Concello de Lugo de poñer trabas aos proxectos da Xunta

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, instou ao Concello de Lugo a “deixar de facer demagoxia” e a cesar nos “atrancos” aos proxectos e iniciativas do Goberno galego na cidade.
Arias referiuse en primeiro lugar á apertura do aparcadoiro do IES Virxe dos Ollos Grandes fóra do horario lectivo, lembrando que "a Xunta leva meses esperando a que a alcaldesa convoque a xunta local de seguridade para aprobar o convenio entre ambas administracións".
Este acordo permitiría que a Policía Local puidese intervir no espazo en caso necesario. “Parece que PSOE e BNG só queren utilizar o tema do párking para facer oposición contra a Xunta. Nós temos a vontade e os medios, pero precisamos a seguridade xurídica que nos dea ese convenio”, afirmou.
Tamén se referiu ás obras de drenaxe no aparcadoiro disuasorio da Avenida de Breogán, que a Xunta decidiu asumir aínda que non son da súa competencia. “Queremos evitar máis problemas á veciñanza, por iso asumimos os traballos para que o Concello recepcione a obra e o aparcadoiro poida abrir canto antes”, explicou Arias. Subliñou ademais que se trata dunha intervención menor en comparación co millón de euros investido pola Xunta na construción do aparcadoiro.
O problema de drenaxe na zona de Casás era preexistente, pero fíxose máis evidente coa construción do aparcadoiro ao impedir que a auga se filtrase na terra.
A Xunta solicitou en novembro autorización ao Concello para realizar os traballos, pero non obtivo resposta ata febreiro. “Agora temos un informe favorable do Servizo de Enxeñería do Concello e, aínda que non é o procedemento habitual, entendemos que se autoriza a obra. Por iso, iniciamos os trámites para adxudicala e así llo comunicaremos ao Concello nos próximos días”, indicou.
Críticas á polémica pola Liña Conecta
Arias lamentou as críticas aos servizos da Liña Conecta, en funcionamento desde o 1 de xaneiro. Explicou que esta liña forma parte da nova concesión de autobús entre A Coruña, Lugo e A Mariña, que mellora as conexións destas zonas con Vilalba e outras cidades. Segundo Arias, este servizo reforza a aposta da Xunta polo transporte público fronte ao Goberno central, ao que acusa de “suprimir paradas no rural da provincia”.
A nova liña ofrece 92 servizos directos semanais entre Lugo e A Coruña, e o delegado considera “incomprensible” a polémica xerada por unha parada nun centro comercial da Coruña que só funciona os sábados, cun servizo de ida e outro de volta.
Segundo Arias, esta parada responde á demanda dos usuarios e foi unha mellora ofertada pola empresa concesionaria sen afectar ao resto das conexións. “Só favorece os desprazamentos xa existentes e fomenta o uso do transporte público cun impacto mínimo”, concluíu.