Javier Arias defende o empuxe dos colectivos do Corgo durante o pregón do Mercado dos Oficios

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, pronunciou o pregón da cuarta edición da Mostra de Maquinaria e Mercado de Oficios do Corgo, que organiza a asociación Os cinco ríos.
Arias referiuse ao municipio como “un lugar de comunidade”, no que prosperan numerosas iniciativas que son motor de desenvolvemento grazas á unión e ao empuxe dos veciños e veciñas e dos colectivos sociais nos que se organizan.
Ao respecto, sinalou que o Mercado de Oficios “mestura estímulo económico e actividade social” e agradeceu o traballo altruísta dos organizadores. “A natureza foi xenerosa co Corgo, pero con ser este un elemento imprescindible para favorecer un asentamento, son os esforzos e traballos das xentes os que o fan viable”, afirmou.