Javier Arias destacou o “excelente labor” da Asociación Española contra o Cancro en Lugo
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuniuse con Mari Luz Abella e parte do equipo que durante os últimos nove anos estivo á fronte da Asociación Española contra o Cancro na provincia, na que lles agradeceu o “excelente labor” desenvolvido neste tempo.
Arias destacou “a intensa presenza” do colectivo durante esa etapa, fomentando actos sociais, culturais ou deportivos, entre outros, que “demostraron a súa capacidade para sumar cada vez a máis persoas nesta causa común”.
O delegado sinalou que existe “unha estreita colaboración” entre a Xunta e a entidade, e Abella agradeceu a recente incorporación dunha persoa traballadora a través do programa de cooperación.
Para rematar, Arias confirmou que “continuaremos cooperando co novo Consello Provincial da entidade, mentres seguimos dotando ao sistema sanitario público galego das mellores ferramentas de prevención, diagnóstico e tratamento da enfermidade”.