Javier Arias explica aos clubs de Lugo o funcionamento do Bono Deporte

LugoXa
A Delegación Territorial da Xunta organizou unha xornada informativa dirixida a clubs deportivos da provincia de Lugo para explicar os detalles do Bono Deporte de 120 euros do que poderán beneficiarse os rapaces e rapazas de 6 a 16 anos con licenza federada ou inscritos no programa Xogade.
explicacion bono deporte xunta javier arias
17 Nov 2023

A Delegación Territorial da Xunta organizou unha xornada informativa dirixida a clubs deportivos da provincia de Lugo para explicar os detalles do Bono Deporte de 120 euros do que poderán beneficiarse os rapaces e rapazas de 6 a 16 anos con licenza federada ou inscritos no programa Xogade. Medio cento de entidades responderon á convocatoria.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que o obxectivo é divulgar esta nova medida entre as entidades e as familias, ante a previsión de que entre en vigor no mes de xaneiro.

Neste momento está aberto o proceso de selección da entidade colaboradora que participará na entrega e distribución das axudas; e o próximo mes aprobarase a orde para que os establecementos comerciais ou entidades prestadoras do servizo podan adherirse ao programa.

En total serán 120 euros por neno ou nena para a adquisición de material e equipamento deportivo ou a realización de actividades, a través dun desconto do 80% de cada compra ata esgotar esa contía. O gasto poderá realizarse en establecementos comerciais, entidades deportivas ou prestatarios de servizos deportivos radicados en Galicia que se adhiran ao Bono. O Goberno galego destina 16,2 millóns de euros a esta medida, que terá 135.000 beneficiarios en toda a Comunidade.

“A finalidade é axudar ás familias a asumir os gastos dos nenos e nenas que practican deporte”, dixo Arias. Tamén enmarcou o programa nas medidas da Xunta para fomentar a práctica de exercicio físico e para incentivar as compras no comercio galego.

Liñas de axudas para entidades deportivas

A reunión serviu ademais para informar dos diferentes programas da Secretaría Xeral para o Deporte co fin de apoiar ás entidades e aos deportistas galegos, como as ordes para mellorar infraestruturas, adquirir equipamento e realizar actividades; os convenios de patrocinio de probas ou eventos deportivos ou as axudas aos deportistas de alto nivel, entre outras.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18347096443176