Javier Arias informa ao Consello Escolar do IES Lucus Augusti do avance das obras
A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu esta mañá unha reunión na que se informou aos membros do Consello Escolar do IES Lucus Augusti do cronograma das obras de rehabilitación integral que se están a executar no centro educativo ao tempo que se resolveron as súas dúbidas polo inicio do curso escolar. O delegado territorial comunicoulles ademais que unha vez ao mes se convocará unha comisión de seguimento para manter a transparencia informativa e ir dando conta do avance dos traballos.
Na xuntanza participaron o delegado territorial, Javier Arias; a directora territorial de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional, Sagrario Sánchez; o subdirector xeral de Construcións e Equipamento da Consellería e representantes da unidade técnica; o xefe de obra e responsables da empresa construtora; e membros do Consello Escolar do IES Lucus Augusti, con representación de equipo directivo, profesorado, AMPA e estudantado.
A actuación que o Goberno galego está a executar no instituto lucense conta cun investimento de 3,3 millóns de euros e está previsto que finalice a finais de marzo do ano 2025.