Javier Arias informou á plataforma Muro sobre a achega da Xunta para o futuro Museo da Romanización
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, reuniuse con representantes da plataforma Muro para informar sobre a decisión do Goberno autonómico de consignar medio millón de euros nos orzamentos do vindeiro ano para cofinanciar o futuro Museo da Romanización de Lugo.
Arias destacou que a Xunta “é a primeira Administración en dar un paso adiante para facer realidade o Museo da Romanización no cuartel de San Fernando”, se ben precisou que “é necesario que se dea algún avance tamén por parte doutras administracións”.
Lembrou que xa no ano 2022, Xunta e Concello chegaran a un acordo polo que o Goberno autonómico se comprometía a colaborar no Plan director e no proxecto de musealización previsto no cuartel de San Fernando, toda vez que o goberno local entendía que podía conseguir fondos europeos para a rehabilitación do inmoble, “pero eses fondos nunca chegaron, ao denegar o Goberno central a primeira solicitude e desistir o Concello na segunda convocatoria do proxecto".
Arias explicou que para cumprir os requisitos esixidos para poder acceder aos fondos europeos é necesaria unha actuación previa que o Concello, como propietario e responsable da conservación do cuartel, estima en dous millóns de euros e, nese contexto, "é onde agora o Goberno galego amosa o seu compromiso co Museo da Romanización coa consignación de medio millón de euros nos orzamentos de 2025, que supón o 25 por cento do proxecto estimado polo goberno local para actuar nesa consolidación necesaria do cuartel de San Fernando".
Neste senso, subliñou que a Xunta demostra unha vez máis que mantén o seu compromiso coa cidade e co proxecto do Museo da Romanización, cofinanciando a rehabilitación indispensable, como paso previo para conseguir os fondos europeos que permitan continuar coa proposta de musealización.
“Pero en todo caso, é o Concello o que ten que impulsar esta intervención nun inmoble da súa titularidade, e polo tanto ten que seguir dando pasos para sumar máis fontes de financiamento. Sempre deixamos claro que estabamos dispostos a colaborar, pero o que está claro é que este é un proxecto de cidade polo que necesita o concurso doutras Administracións, incluída a do Estado”, concluíu.