Javier Arias informou das axudas para autónomos e pemes publicadas no DOG

LugoXa
No que vai de xaneiro convocáronse 21 programas de dúas Consellerías que suman preto de 215 millóns de euros
axudas-da-Xunta-para-AJE-Lugo
21 Jan 2025

O presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Lugo, José Luis Celeiro, reuniuse co delegado territorial da Xunta, Javier Arias, quen informou sobre as axudas para autónomos e pemes publicadas nos últimos días no Diario Oficial de Galicia (DOG).

No que vai de xaneiro convocáronse 21 programas de dúas Consellerías que suman preto de 215 millóns de euros para apoiar a actividade dos autónomos e das pequenas e medianas empresas galegas.

Por unha banda, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración publicou o pasado venres no DOG unha orde por valor total de 40,7 millóns de euros que unifica cinco liñas específicas para o colectivo de autónomos coa finalidade de axilizar a tramitación e avanzar na simplificación administrativa.

Nesa convocatoria inclúense os incentivos para o inicio da actividade, programa de promoción do emprego autónomo e da cota cero; o Bono Autónomo, para consolidar un negocio e mellorar a súa competitividade; o Bono Remuda, para fomentar o relevo xeracional; os apoios á conciliación e o Bono Nova Oportunidade, para aquelas persoas que cesaron na actividade e van volver a emprender. A maiores, o venres tamén saíu publicada unha orde da mesma Consellería que destina 1,35 millóns de euros a favorecer a contratación indefinida por parte dos autónomos. As axudas incluídas nestas seis liñas poderán solicitarse a partir do próximo venres, 24 de xaneiro.

Programas xestionados polo Igape

Pola súa banda, a Consellería de Economía e Industria publicou por primeira vez na primeira quincena da xaneiro a maior parte das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para pemes e autónomos, co obxectivo de facilitarlles que poidan planificar con antelación as súas necesidades de financiamento e coñecer os apoios públicos dos que van dispoñer.

Arias explicou que son en total 15 liñas de axudas que suman 172,6 millóns de euros, que saíron publicadas nos DOGs dos días 13 e 14 de xaneiro e que poden solicitarse a partir de mañá, nalgúns casos, e nos restantes a partir do mércores. O obxectivo é promover a competitividade, a innovación e o financiamento das pemes e autónomos.

As liñas xestionadas polo Igape divídense en tres bloques. Por un lado están as relativas ao financiamento, que engloban as de acceso ao crédito, os préstamos directos; os préstamos para grandes empresas e as renovacións das débedas co Igape.

No bloque de competitividade, destacan polo seu importe as axudas para a atracción de empresas; os apoios a startups; os de obradoiros multidisciplinares para pemes; os destinados a equipamento e investimentos xerais; os de transformación dixital; os apoios aos clústeres; o programa ReAcciona para capacitar ás pemes ante os novos retos do mercado; e a liña para os provedores da automoción.

Por último, foméntase a innovación con varias medidas de apoio, entre elas a liña para a implantación da Intelixencia Artificial, que sae por primeira vez.

0.19682192802429