Javier Arias puxo en valor a calidade das residencias da Milagrosa e das Gándaras
As residencias públicas autonómicas da Milagrosa e das Gándaras veñen de renovar o certificado de calidade outorgado por Aenor, que acredita a excelencia dos seus servizos conforme a estándares internacionais.
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, destacou que esta certificación reflicte o compromiso de mellora continua do equipo de profesionais encargado da atención residencial, persoal, psicosocial e sociosanitaria dos usuarios.
Durante a visita, Arias lembrou que a Consellería de Política Social e Igualdade, titular da residencia, leva meses agardando pola licenza municipal para executar unha reforma integral das instalacións, que contará cun investimento de 1,7 millóns de euros.
A reforma permitirá modernizar a fachada, optimizar o illamento térmico coa renovación das carpinterías exteriores e da cuberta, remodelar a entrada principal, habilitar novas salas de convivencia e reordenar a área sanitaria, entre outras melloras.
Exposición fotográfica da ONG Hospitaleros Sin Fronteras
Ademais, Javier Arias aproveitou a visita para percorrer a exposición fotográfica organizada pola ONG Hospitaleros Sin Fronteras, que actualmente se exhibe na residencia da Milagrosa.
A mostra inclúe 15 fotografías realizadas pola organización sarriana nas súas viaxes a Senegal, onde ofrecen axuda humanitaria mediante a distribución de roupa, medicamentos e material escolar. Tamén contribúen á manutención e á educación de preto dun cento de nenos talibés.
Esta exposición itinerante estivo previamente no CAPD de Sarria e na residencia de maiores de Monforte.