Javier Arias puxo en valor o traballo da asociación de cultura tradicional A Volta do Agro

O presidente da asociación de cultura tradicional A Volta do Agro, Senén Montero, mantivo unha reunión co delegado territorial da Xunta de Lugo, Javier Arias, para abordar algunhas das iniciativas nas que está a traballar o colectivo.
Entre elas, o festival que prevén celebrar en Lugo en próximas datas para conmemorar o 30 aniversario da fundación da asociación. A Volta do Agro está a traballar na organización deste evento que concibe como unha actividade para poñer en valor a cultura tradicional, tal e como se expuxo na reunión, na que tamén se analizaron os posibles apoios do Goberno galego a esta celebración.
Arias puxo en valor o traballo da asociación lucense, que xorde no ano 1995 coa idea de traballar a prol da dignificación da cultura tradicional galega. Neste senso oferta, por exemplo, aulas de baile, gaita, pandeireta ou canto, nas que teñen un alumnado de arredor de 200 persoas, ademais de numerosos obradoiros relacionados coa temática que se desenvolven ao longo de todo o ano.