Javier Castroviejo alerta en Palas de Rei do “impacto irreversible” que causaría a macrocelulosa de Altri

LugoXa
O biólogo e exdirector da Estación Biolóxica de Doñana critica a política forestal da Xunta e advirte dunha expansión masiva do eucalipto en Galicia
charla-Javier-Castroviejo-en-Palas-de-Rei
8 Aug 2025

A Casa da Cultura de Palas de Rei acolleu unha charla do recoñecido biólogo e activista Javier Castroviejo Bolibar, organizada pola Plataforma Ulloa Viva e o Instituto de Estudos Ulloáns, baixo o título O río Ulla. A paisaxe e os eucaliptos.

Doutor en Bioloxía, investigador, exdirector da Estación Biolóxica de Doñana (CSIC) e expresidente do Consello Internacional de Coordinación MaB da UNESCO, Castroviejo advertiu de que a loita contra Altri é “a defensa de valores e principios fronte a unha administración insensible e á conta de resultados dunha industria”.

Na súa intervención, asegurou que a instalación da macrocelulosa na Ulloa “provocaría unha situación sen retorno e a perda dun patrimonio incalculable”, ademais de marcar “a colonización do resto de Galicia por novas especies de eucalipto resistentes ás xeadas” que, segundo indicou, están xa en plena expansión.

O biólogo explicou que o rexeitamento social ao proxecto de Altri responde tamén a “os antecedentes da empresa, a actitude da Xunta, os efectos da celulosa de Pontevedra, a contaminación das rías e a eucaliptización masiva”. Criticou duramente “unha administración arcaica e corporativa, obsesionada coas plantacións de eucaliptos e coníferas, moitas exóticas e abandonadas, que enchen a paisaxe de combustible e actúan como viveiro de incendios”, políticas que, segundo denunciou, se manteñen “a costa dos bosques e da paisaxe tradicionais”.

OS INCENDIOS

En relación cos incendios forestais que están a afectar Galicia e o norte de Portugal, Castroviejo afirmou que xa existe “un mapa da eucaliptización” que permite falar de “dúas Galicias: a costeira, dominada polo eucalipto, e a interior, libre desta especie invasora”. Sinalou que os datos amosan que “o que arde son as masas forestais plantadas, mentres que o bosque natural non arde”.

Durante a conferencia, destacou “os valores incalculables” do río Ulla e o compromiso da poboación local, “que non está disposta a perder o que considera propio e parte do seu mundo ancestral”. Comparou a firmeza da oposición á macrocelulosa coa “tenacidade dos celtas irlandeses e escoceses fronte aos intentos de dominación inglesa” e lembrou episodios históricos como a loita contra a celulosa de Pontecesures nos anos cincuenta ou a oposición a unha fábrica de aluminio en Vilagarcía nos setenta, movementos nos que participou o seu pai, José María Castroviejo.

Desde o seu coñecemento profesional, destacou que a paisaxe do Ulla “mantívose nun bo estado grazas á coevolución entre natureza e ser humano, xerando un patrimonio natural e cultural, material e inmaterial”. Advertiu que, sen natureza, “non hai cultura, e sen cultura non hai nación”, comparando a ameaza de Altri coa situación que sofre Doñana, espazo protexido no que traballou e para o que redactou a lexislación fundamental de protección. Considerou que, de instalarse a macrocelulosa, o val do Ulla “podería desaparecer pola contaminación” e que o interior da provincia de Lugo “acabaría eucaliptizado”.

⚙ Configurar cookies
0.32666301727295