Javier Cebreiros pechará o ciclo de eventos de Ultreia Galicia o xoves

O vindeiro 26 de setembro, Lugo será o punto de referencia do emprendemento galego coa celebración de Ultreia Lugo, un evento organizado pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) co apoio da Xunta de Galicia que pretende dinamizar o ecosistema emprendedor das startups da nosa provincia.
A iniciativa forma parte de Ultreia Galicia, un ciclo de eventos que percorreu as catro provincias galegas ao longo do mes de setembro, co obxectivo de promover a innovación e o desenvolvemento empresarial. Lugo é a última parada deste proxecto, despois do seu paso por Ourense, A Coruña e Pontevedra.
Ultreia Lugo reunirá a emprendedores, investidores, mentores e profesionais de diversos sectores para fomentar a colaboración, o intercambio de ideas e o crecemento das iniciativas empresariais na provincia de Lugo.
A xornada dará comezo ás 09:30 horas coa inauguración oficial no Edificio Abanca Lugo (entrada por Praza Santa María, s/n).
Ás 10:00 horas, terá lugar o relatorio maxistral do doutor en comunicación, formador e emprendedor social, Javier Cebreiros. Unha figura de referencia no mundo empresarial e do emprendemento non só a nivel galego, senón tamén nacional. É o creador de entrevistas La Cafetería, e colabora en medios como TVE2. O seu punto clave é axudar ás persoas a comunicar e xestionar as emocións, para axudalas impulsalas na execución dos seus proxectos.
No ecuador da xornada, ás 13:15 horas, está prevista unha intervención a modo de saúdo institucional do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González Vázquez.
A xornada pechará coa clausura oficial ás 19:00 horas, na que se anunciará o fallo do xurado coa selección de proxectos emprendedores finalistas de Ultreia Lugo.