Javier Conde presenta en Lugo a segunda edición de 'Vidas Exiliadas'

LugoXa
O volume recompila crónicas, reportaxes e entrevistas publicadas en xornais e revistas de Caracas, Bogotá, Montevideo e España
Javier-Conde-escritor-venezolano-en-Sarria
20 May 2025

O xornalista galego Javier Conde este xoves, 22 de maio, ás 19:00 horas, no Círculo das Artes de Lugo, a segunda edición do seu libro Vidas Exiliadas, unha obra que recolle 21 historias de desenraizamento, loitas políticas e memoria migrante.

O volume, que recompila crónicas, reportaxes e entrevistas publicadas en xornais e revistas de Caracas, Bogotá, Montevideo e España, resume tamén parte da traxectoria vital e profesional do autor.

Natural de Vilaboa (Pontevedra, 1955), Conde emigrou coa súa nai a Caracas a mediados dos anos 60, e en Vidas Exiliadas non só relata experiencias alleas, senón que entrelaza a súa historia persoal na sección titulada entrelíneas. Desde a imaxe de portada —unha fotografía da súa familia emigrante, espallada entre Brasil e Venezuela— ata as biografías que recolle o libro, a conexión con Galicia e España é constante e profunda.

Entre os protagonistas destas historias destacan figuras como Lázaro Candal, célebre narrador galego de radio e televisión que se converteu nunha voz emblemática do fútbol en Sudamérica; o historiador catalán Manuel Pérez Vila, impulsor do monumental Diccionario de Historia en Venezuela; ou o vasco Damián Gaubeka, enxeñeiro e promotor da mítica Pequena Copa do Mundo, que nos anos 50 reuniu a elite do fútbol mundial nunha Caracas pouco futbolística.

A obra tamén recupera a figura do novelista Rómulo Gallegos, primeiro presidente elixido democraticamente en Venezuela, que viviu o seu exilio en España e pasaba os veráns en Bueu nos anos trinta, entregado á literatura e ao soño de acadar a liberdade para o seu país.

Ademais do compoñente histórico e testemuñal, Vidas Exiliadas incorpora olladas sobre a actualidade venezolana, como en Historia de Randy, un texto premiado en 2024 pola Asociación de Xornalistas Venezolanos en Madrid (Venezuelanpress). Nel, Conde retrata as dificultades dos novos inmigrantes venezolanos a través do percorrido dun home que loita por saír adiante coa súa familia, primeiro en Bos Aires e despois en Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.22552108764648