Javier Conde presentará en Lugo 'El Pacificador', a novela de Francisco Suniaga

LugoXa
O acto terá lugar o 24 de novembro na Asociación da Prensa de Lugo e abordará a obra do autor venezolano máis lido do século XXI, que recrea a expedición do militar español a América en 1815
El-pacificador
12 Nov 2025

O xornalista hispano-venezolano Javier Conde presentará o vindeiro 24 de novembro, ás 19.30 horas, o libro El Pacificador na sede da Asociación da Prensa de Lugo. A obra, escrita por Francisco Suniaga, considerado o novelista máis lido en Venezuela neste século e actualmente residente en España, aborda o destino fallido dos heroes a través da figura do xeneral español Pablo Morillo.

A novela sitúase no ano 1815, cando Morillo liderou unha poderosa expedición para pacificar amplos territorios da América hispana no proceso de independencia das colonias, concretamente nas actuais Colombia, Ecuador, Panamá e Venezuela. O relato afonda nun episodio histórico de natureza variada, intensa, inhóspita e mortal, que marcaría o destino político e persoal do militar español.

Francisco Suniaga, nado na illa de Margarita en 1954, reconstrúe con detalle o contexto histórico e humano dunha campaña que definiu a súa carreira e deixou unha fonda pegada tanto en América como en España. Morillo mantivo un vínculo especial con Galicia, onde combateu durante a guerra de independencia contra Francia e, máis tarde, exerceu como capitán xeral.

A presentación en Lugo ofrecerá unha oportunidade para achegarse a esta obra que combina historia, ficción e reflexión sobre o poder, a derrota e a condición heroica, nun diálogo entre as dúas beiras do Atlántico.

⚙ Configurar cookies
0.13251805305481