Javier Viceiro-Filgueira dirixirá o concerto da Banda Filharmónica de Lugo deste sábado

LugoXa
Este concerto promete ser unha xornada inesquecible, cunha selección de composicións que destacan a riqueza da música sinfónica e de vento
Círculo-das-Artes-Lugo
21 Feb 2025

Este sábado 22 de febreiro de 2025, ás 20.00 horas, o Círculo das Artes de Lugo acollerá un agardado concerto a cargo da Banda Filharmónica de Lugo, baixo a dirección do mestre convidado Javier Viceiro-Filgueira.

O programa da xornada incluirá unha selección de obras de compositores destacados: James Barnes: Sinfonía nº 2; Juan Durán: Cervantina (Transcrición de Javier Viceiro) e Yosuke Fukuda: Danzas Sinfónicas.

Javier Viceiro-Filgueira, director convidado nesta actuación, recibiu a súa formación instrumental no Conservatorio Superior de Música de Vigo e no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid. A súa formación en dirección comezou no Istituto Superiore Europeo Bandístico de Trento (Italia) cos mestres Jan Cober, Felix Hauswirth e Armando Franceschini. Posteriormente, continuou a súa formación na Zuid-Netherlandse Hogeschool voor Muziek de Maastricht (Países Baixos), onde obtivo o Máster en Dirección de Orquestra de Vento e en Dirección Orquestral Sinfónica. En 2013 iniciou o seu Doutoramento en Música na Universidade de Aveiro (Portugal), presentando en 2018 a súa tese doctoral sobre a obra compositiva de Enrique Saavedra Castro.

Ao longo da súa carreira, Viceiro-Filgueira traballou como mestre convidado con diversas agrupacións orquestrais e bandas, entre elas a Orquestra Sinfónica de Galicia, a Orquestra Cidade de Granada, a Arka Symphony Orkest, a Banda Municipal da Coruña e a Banda Municipal de Santiago de Compostela, entre outras.

Este concerto promete ser unha xornada inesquecible, cunha selección de composicións que destacan a riqueza da música sinfónica e de vento.

⚙ Configurar cookies
0.52051711082458