Jesús Núñez, alcalde das Nogais: “Estou orgulloso do labor feito durante estes 15 anos”

Explíquenos un pouco como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido.
Eu vivín sempre nas Nogais e eu vía o estado de deterioro tremendo que había naquel momento e quixen facer algo polo meu pobo, así foi o meu inicio. Xurdiu a opción de presentarme como cabeza de lista no ano 2007 co PP e non entrei na Alcaldía, pero no ano 2011 conseguín ser alcalde e desde aquela ata hoxe.
Como deu o salto o recibiu o impulso para ser alcalde?
Como comentaba, naquel momento xurdiu a oportunidade de presentarme polo PP para acceder á Alcaldía do PP e sucedeu así. Anteriormente non militara en ningún partido ata o ano 2007, e en 2011 conseguimos chegar á Alcaldía.
A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello?
Supón dedicarlle moitas horas, quitándollas aos negocios no meu caso e tamén á familia.
E beneficios?
O traballo ben feito sempre produce satisfaccións e sobre todo servir aos veciños, mellorar as condicións de vida das persoas que te votaron a pesar de coñecerte é importante.
Como equilibra a vida pública e a privada?
A xente coñéceme de toda a vida como veciño, equilíbrase dunha maneira normal, es o que es e fas o que tes que facer sen maior historia.
Cales son os seus obxectivos a nivel político?
Non teño ambicións persoais políticas, deuse o de estar na Deputación pero son cousas dadas, estou contento coa Alcaldía e nada máis.
E se renova na Alcaldía cales son as principais actuacións previstas?
Non teño ningunha decisión tomada de se me presentarei, consultareino cos compañeiros e coa familia e veremos que decido. Pero se renovo na Alcaldía, creo que hai que continuar coa mesma liña. O noso equipo de Goberno, desde o principio, temos como obxectivo a atención aos maiores, a mellora das infraestruturas municipais en todas as parroquias e con ese camiño de inversión, de facilitar a vida dos maiores, que forman parte dunha colectividade que sexa como vivir en calquera outro lugar, co mesmo nivel de servizos.
Cales son as principais liñas do seu programa?
Creo que o programa que presentamos no 2023 está practicamente cumprido, melloras en núcleos rurais, acceso á axuda a domicilio, labor social en distintos campos a todos os veciños, mellora de infraestruturas de cobertura, de internet... temos os obxectivos cumpridos.
Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?
Nós agradeceriamos máis apoio da Deputación de Lugo, ignora parte da provincia. Grazas ao apoio da Xunta puidemos saír adiante, pero queremos consolidar a poboación e conseguir melloras de todo tipo para atraer a xente a establecerse nas Nogais, que é necesidade máis importante: asentar poboación. Se non temos poboación, carece de sentido todo o demais.
De que proxectos se sente máis orgulloso?
Estou orgulloso do labor feito durante estes 15 anos, do equipo de goberno durante esta época, traballamos moito, reverteuse unha situación de deterioro importante, o concello tiña unha débeda tremenda, había unha carencia nos servizos, non había recursos no concello, nin maquinaria nin nada, reverteuse a situación totalmente, agora temos moitos medios, axudamos moito aos veciños, e todo ese labor diario de axudar aos veciños é o que máis nos fai sentir orgullosos. Límpanse as vías municipais, facilítase axuda a todos os veciños en todo o que necesitan, temos axudas á natalidade, temos festa dos veciños con participación deles en moitos puntos...
Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?
Venme como son, levo toda a vida vivindo aquí, e os veciños coñécenme perfectamente, eu agradezo o apoio a pesar de coñecerme.
Como é a súa relación coa oposición?
Temos unha relación normal e cordial. A oposición non é moi participativa, pero entendo que facer oposición nun sitio pequeno é complicado e duro, pero non se implican moito a nivel político.
MÁIS DE PRETO
-Idade, estado civil e familiar
68, casado e 2 fillos
-Profesión e formación
Autónomo, levo ferreterías e materiais de construción, fixen Dirección de Empresas
-E se non o fose, que lle gustaría ser?
O que son
-Que quería ser de maior?
Médico ou bombeiro, pero
-Que fai para desconectar?
Non teño problema para desconectar, leo e viaxo cando podo
-Unha virtude e un defecto
Que xulguen os demais
-Un consello para compartir
Sé ti mesmo
-Un libro, unha película ou/e un grupo de música/cantante
Gústame a literatura fantástica galega, película cine americano do oeste e música rock
-Unha afección
Ler e pasar o tempo cos amigos e a familia
-Un lugar que visitar
Roma
-Unha comida e unha bebida
Comida gústame todo e de bebida cervexa
-Unha personaxe admirada (viva ou morta)
Non teño ídolos
-Unha posesión prezada
Non son moi apegado aos bens materiais, o que me gusta a miña familia, pero non é miña
-Un desexo
Que puideramos seguir vivindo en paz
-Algo para esquecer
O mal rollo de moita xente
-Que é o que máis valora nunha persoa?
A honestidade e a lealdade
-Un desafío pendente.
Non teño moitos desafíos pendente
-Onde se ve en cinco anos?
Véxome xubilado e na miña casa das Nogais desfrutando do resto da vida