Jorge Arévalo leva ao Vello Cárcere a mostra fotográfica ‘Gardiáns’

LugoXa
A exposición, financiada pola Vicepresidencia da Deputación e promovida pola Federación Galega de Razas Autóctonas, reúne 71 imaxes e 3 vídeos e poderá visitarse ata o 12 de outubro
mostra-fotográfica-Gardiáns-de-Jorge-Arévalo
27 Sep 2025

O Vello Cárcere de Lugo converteuse nun espazo para a reflexión sobre o vínculo ancestral entre animais e persoas coa inauguración da mostra fotográfica Gardiáns, do fotógrafo Jorge Arévalo. A exposición permanecerá aberta ata o 12 de outubro e está financiada pola área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, en colaboración coa Federación Galega de Razas Autóctonas.

A proposta xurdiu como un percorrido polas ganderías que conservan animais de razas autóctonas, mais o autor trascendeu ese enfoque inicial para ofrecer unha visión máis profunda sobre a relación entre o mundo animal e a cultura labrega. No total, a mostra reúne 71 fotografías e 3 vídeos que documentan o traballo cotián nas explotacións, a pegada dos animais na tradición, os ciclos vitais e mesmo as consecuencias dos incendios na actividade gandeira.

As imaxes compleméntanse con versos da poeta Olga Novo, escritos expresamente para esta exposición, e da escritora María Sánchez. A apertura contou coa recitación dunha selección de poemas a cargo da autora da Pobra do Brollón, así como coa intervención musical da Fundación Legar, que empregou instrumentos de raíz vinculados aos labores do campo.

⚙ Configurar cookies
0.10688996315002