Jorge Mira inaugura un ciclo sobre a prevención das adiccións en Lugo
O catedrático e divulgador científico Jorge Mira inaugurará este xoves, ás 19.00 horas, no salón de actos do centro de convivencia muncipal de Fingoy, a 5ª edición do ciclo de xornadas ‘Adiccións sen substancia’, organizado polo Executivo de Paula Alvarellos no marco do Plan Municipal de Prevención de Drogodependencias e Outras Adiccións Comportamentais.
Mira é fundador e director do programa de actividades de divulgación científica ‘Conciencia’, froito da colaboración entre a USC e o Consorcio de Santiago. ‘Conciencia’ está considerado por diferentes medios de comunicación como a acción de divulgación científica de máis impacto social de Galicia.
A ponencia que impartirá leva por título: “Coñecendo algunhas bases naturais do noso comportamento”. Será a primeira das catro sesións, totalmente gratuítas, nas que expertos galegos e de ámbito nacional expoñerán distintos contidos relacionados coa prevención das adiccións sen substancia desde diferentes perspectivas.
O edil de Xuventude, Jorge Bustos lembrou que “estas xornadas están destinadas ao público xuvenil, profesionais e familias”, polo que animou á participación de toda a veciñanza, xa que “pretendemos afondar nos problemas máis actuais derivados da adicción ás novas tecnoloxías e a relevancia do rol profesional na abordaxe das mesmas, dun xeito cercano e didáctico, actualizando contidos e coñecendo máis dos mesmos”.
Conferencias gratuítas
O ciclo incluirá catro conferencias, totalmente gratuítas, nas que profesionais de diferentes campos falarán de prevención, sensibilización e investigación sobre a educación no mundo dixital e as relacións coas novas tecnoloxías e as adiccións sen substancia en xeral.
Tres das sesións serán abertas á poboación en xeral no salón de actos do centro de convivencia muncipal de Fingoy. A restante terá lugar nun centro educativo –o IES Lucus Augusti– para favorecer un encontro coa mocidade sendo impartida por un mozo con experiencia nunha das materias, Unai Garma. O emprendedor falará da súa experiencia e dará consellos e explicará como non caer nalgún tipo de adiccións como é o xogo, así como as principais estratexias da industria e como nos enganan e os seus riscos.
Sesións e ponentes
O 2 de maio, a partir das 19.00 horas, Mercedes Pedreira, psicóloga clínica da Unidade asistencial de Lugo participarán no ciclo, mentres que o 9 de maio o coloquio estará impartido por Cristina Casal Pena, psiquiatra especialista en infancia e mocidade. Esta iniciativa enmárcase dentro do programa +xTi, programa cofinaciado, polo Plan Nacional sobre Drogas do Ministerio de Sanidad e o Concello de Lugo.