Jorge Mira, Mercedes Pedreira e Cristina Casal encabezan un ciclo sobre a prevención das adiccións en Lugo
Catro expertos galegos e de ámbito nacional expoñerán distintos contidos relacionados coa prevención das adiccións sen substancia desde diferentes perspectivas na 5ª edición do ciclo de xornadas ‘Adiccións sen substancia’, organizado polo Executivo de Paula Alvarellos no marco do Plan Municipal de Prevención de Drogodependencias e Outras Adiccións Comportamentais. “Unha sociedade máis informada e mellor formada sobre as adiccións será máis capaz de convivir nun mundo no que estas existan, reducindo o risco de establecer con elas relacións conflitivas”, explicou o edil de Xuventude, Jorge Bustos.
As xornadas están destinadas ao público xuvenil, profesionais e familias, polo que animan á participación de toda a veciñanza, xa que “pretendemos afondar nos problemas máis actuais derivados da adicción ás novas tecnoloxías e a relevancia do rol profesional na abordaxe das mesmas, dun xeito cercano e didáctico, actualizando contidos e coñecendo máis dos mesmos”.
Bustos destacou que o Concello aposta por celebrar a quinta edición deste ciclo que "consideramos moi importante e necesario e máis nun momento no que esta problemática ten cada vez maior incidencia entre a mocidade e adolescencia”. Así, pretenden continuar con estas campañas de sensibilización “que son fundamentais para previr a aparición de adiccións entre os mozos e mozas”, destacou.
Conferencias gratuítas
O ciclo incluirá catro conferencias, totalmente gratuítas, nas que profesionais de diferentes campos falarán de prevención, sensibilización e investigación sobre a educación no mundo dixital e as relacións coas novas tecnoloxías e as adiccións sen substancia en xeral.
Tres das sesións serán abertas á poboación en xeral no salón de actos do centro de convivencia muncipal de Fingoy. A restante terá lugar nun centro educativo –o IES Lucus Augusti– para favorecer un encontro coa mocidade sendo impartida por un mozo con experiencia nunha das materias, Unai Garma. O emprendedor falará da súa experiencia e dará consellos e explicará como non caer nalgún tipo de adiccións como é o xogo, así como as principais estratexias da industria e como nos enganan e os seus riscos.
Sesións e ponentes
A primeira das sesión será o 25 de abril ás 19.00 horas con Jorge Mira Pérez, catedrático de Física, investigador e divulgador científico. O 29 de abril é a quenda de Unai Garma Arana, emprendedor, que impartirá unha charla sobre o xogo ás 12.50 horas no salón de actos do IES Lucus Augusti.
O 2 de maio, a partir das 19.00 horas, Mercedes Pedreira, psicóloga clínica da Unidade asistencial de Lugo participarán no ciclo, mentres que o 9 de maio o coloquio estará impartido por Cristina Casal Pena, psiquiatra especialista en infancia e mocidade. Esta iniciativa enmárcase dentro do programa +xTi, programa cofinaciado, polo Plan Nacional sobre Drogas do Ministerio de Sanidad e o Concello de Lugo.