Jorge Puig e Zelinda Spencer gañan o Memorial Edudardo Fernández Villamarín de Rábade
Rábade converteuse este sábado no epicentro do atletismo galego coa celebración do XXII Memorial Eduardo Fernández Villamarín. A cita deportiva reuniu a atletas de todas as idades e destacou pola gran participación, máis de 400, e o alto nivel competitivo.
Na categoría absoluta, Jorge Puig Malvar, do Oviedo Atletismo, proclamouse campión tras completar o percorrido en 20 minutos e 30 segundos, impoñéndose no sprint final a Gustavo Santiago Fernández, do Club Deportivo Pinarium, que cruzou a meta só uns segundos despois (20.41). O terceiro lugar foi para Anxo Castro Varela, de Vicky Foods, completando un podio moi disputado.
Pola súa banda, en categoría feminina, Zelinda Spencer Conceição demostrou a súa superioridade, cun rexistro de 25.09. Marina Mullunesh Porteiro de Loño (Ximnástica de Pontevedra) ocupou a segunda posición e González Maragride (Corre por Begonte) completou o podio cun tempo de 27.11.
A competición abarcou tamén numerosas categorías menores. En E masculina, Anxo Castro liderou a carreira por diante de Nicolás Arrojo (Lucus Caixa Rural) e Ramiro Chaves (Lourenzá). En feminina, a vitoria foi para Zelinda Spencer, acompañada no podio por Ana Abuín (Vérxel) e Laura López (Monforte).
Na categoría C (2009-2012), Daniel Martínez, do CD Lucense, triunfou entre os rapaces, mentres que Lucía Fernández, tamén do Lucense, fixo o propio entre as rapazas. Noutras categorías destacaron nomes como Sergio Coira (Marineda) e Celita López (Sada) na B, así como Alejandro Farias (Lucus) na A.
A xornada foi unha gran festa deportiva que deixou claro que o atletismo segue a gozar dunha excelente saúde en Rábade, consolidando este memorial como un evento de referencia no calendario deportivo galego.