José Ángel Millares: “Os nosos clientes valoran moito a calidade do producto e o bo servizo”

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa
José Ángel Millares xestiona, xunto a Gloria Millares, a empresa Millares Torrón, situada no km 5 da N-540 en Lugo e que dá servizo a toda a provincia de Lugo, especialmente á comarca de Sarria e da Terra Chá
Millares-Torrón
20 Sep 2025

Jessica Fernández

Este ano o negocio fai 50 anos, como foron os comezos?

O negocio iniciouse no ano 1975 en Castroverde da man de dous socios, Díaz e Torrón. En 1979 trasladouse a Lugo, á Ronda da Muralla, e en 1990 instalouse definitivamente no quilómetro 5 da estrada de Santiago, onde continúa na actualidade. No ano 2009 Díaz e Torrón decidiron tomar camiños separados, o que deu lugar á fundación de Millares Torrón S.L. Máis adiante, en 2019, abrimos unha nova tenda no quilómetro 3 da mesma estrada de Santiago, baixo o nome de Millavén, especializada en xardinería e na oferta de vehículos de recreo, como buggies e quads.

Volvendo ao presente, como se atopa o negocio na actualidade?

Na actualidade contamos cun cadro de 30 traballadores e unha facturación anual de arredor de 16 millóns de euros, cun crecemento sostido do 20 % cada ano. A evolución da empresa foi moi positiva: en 2009 produciuse a separación dos socios e un cambio de nome, e hoxe a dirección está nas mans da miña irmá, Gloria Millares, e máis eu, José Millares. A nosa vocación é apostar sempre por marcas punteiras, traballando con firmas de primeiro nivel. Somos número un venda de  manipuladoras telescópicas en Galicia e distribuímos en exclusiva os manipuladores JCB para todo o territorio galego. Desde Lugo atendemos clientes de toda Galicia, mantendo un compromiso firme coa calidade e coa innovación.

Destaca o seu alcance na comarca de Sarria e da Terra Chá.

Traballamos especialmente nestas dúas comarcas, onde existe unha grande demanda de produtos agrícolas debido á alta concentración de granxas de leite e de vacún. Os principais clientes son, polo tanto, os propietarios de explotacións agrícolas e gandeiras. A nosa oferta non se limita aos tractores, senón que abrangue tamén maquinaria para a forraxe de herba e millo, así como todo o relacionado co ensilado, unha das actividades que máis traballo xera en Galicia. Cómpre ter en conta que, para o laboreo previo á sementeira e para a recollida da herba, son necesarias máquinas potentes e especializadas. Traballamos con dúas recoñecidas marcas alemás para o tratamento do chan, Amazone e Krone, ademais de distribuír produtos de Valtra e JCB. Así mesmo, dispoñemos de maquinaria para a trituración de prados e para o mantemento forestal, fundamental para manter os terreos limpos, algo especialmente relevante nas explotacións gandeiras do rural e que se pon de manifesto tamén na prevención dos incendios.

Ademais da venda de maquinaria nova, tamén teñen un servizo de maquinaria usada.

Si, vendemos maquinaria nova das marcas que mencionamos e dispoñemos dun servizo de recambios para todas elas, ofrecendo así unha atención integral que abrangue desde a compra ata o final da vida útil da máquina. Durante todo ese proceso estamos sempre ao dispor dos nosos clientes, xa sexa para subministrar pezas ou para realizar labores de mantemento no noso taller. Ademais, apostamos pola reciclaxe e a reutilización. Cando un cliente nos comunica que a súa máquina xa non lle resulta útil, recollémola, revisámola e poñémola de novo á venda en condicións óptimas. Para iso contamos cun equipo de 11 mecánicos especializados que se encargan de reparar tanto a maquinaria nova como a usada, garantindo a súa posta a punto e ofrecéndoa sempre cunha garantía de calidade.

Contan cunha nova gama de tractores, non?

Hai dez anos comezamos a traballar coas manipuladoras telescópicas de JCB e hai dous que estamos introducindo moi firmemente os tractores de JCB, os FASTRAC, xa que en toda Europa está medrando a venda de este modelo de tractor; polo que tamén realizamos demostracións. Todos os que os proban coinciden en que son os máis cómodos do mercado, con tracción ás catro rodas, sistemas de seguridade avanzados como ABS e freada integral nas catro rodas, semellante á dun camión, capacidade para acadar velocidades superiores na estrada, arredor dos 70 e 80 km/h, e cun nivel de seguridade moi elevado. Trátase dun modelo que ata hai pouco apenas se vendía, pero que está experimentando un crecemento notable, duplicando as vendas cada ano. A propia fábrica está a incrementar a produción para dar resposta á alta demanda destes tractores JCB. Realizamos entre 25 e 30 demostracións anuais en diferentes puntos de Galicia, e nos dous últimos meses xa levamos varias xornadas deste tipo. Os clientes poden solicitar probar o tractor durante un día completo de forma gratuíta, unha experiencia que se traduce en vendas directas. Ademais, o boca a boca funciona á perfección: cando un cliente compra un destes tractores, xa o vende logo el.

Como valoran os seus clientes o servizo prestado?

Hoxe en día o servizo rápido é fundamental, e por iso esforzámonos en ofrecer a mellor atención posible. Os clientes valoran moito recibir un bo servizo, e nós traballamos intensamente para garantir que as máquinas estean sempre a punto durante as campañas. Para iso dispoñemos de maquinaria de substitución, de maneira que, se se produce unha avaría nun equipo, poidan dispoñer dunha solución inmediata. Outro aspecto clave é o asesoramento. Moitos clientes non teñen claro que maquinaria lles convén, e aí é onde entra en xogo a nosa experiencia. Aconsellamos sempre en función das súas necesidades concretas e das características da súa explotación, ofrecendo ideas e solucións adaptadas a cada caso. Por iso, temos unha clientela moi fiel, xa que arredor do 70% continúa confiando en nós, cunha compra recorrida. É dicir, a maior parte das máquinas que ten o cliente na sua explotación agrícola son da nosa empresa, e a iso chámaselle unha boa fidelización do cliente. Isto débese á proximidade no trato, á calidade do servizo e do produto, así como ao carácter familiar da empresa, que coñece de primeira man as necesidades do sector.

Que expectativas teñen de cara ao futuro?

O noso obxectivo de cara ao futuro con JCB é aumentar a cota de mercado en Galicia. Pretendemos consolidar a presenza da marca e ampliar a rede de servizos para estar máis próximos ao cliente, creando talleres colaboradores noutros puntos da comunidade e garantindo que cada provincia conte cunha referencia oficial como concesionario JCB. Xa contamos con talleres colaboradores e queremos seguir habilitando novos talleres certificados por nós. Aínda que queda traballo por facer, as bases para crecer e mellorar xa están asentadas.

⚙ Configurar cookies
0.11241006851196